Site icon Crónica3.com A Mariña

Primeiros actos do Memorial Heroes do Orzán 2017

coctel-memorial17-marinha1Burela 29-6-17. O mellor espectáculo de fútbol sala base, o VI Memorial Heroes do Orzán, arrancou esta mañá na Mariña Lucense con 75 equipos, con máis de 700 participantes, entre as categorías prebenxamín e xuvenil procedentes non só de Galicia, senón tamén de Asturias, Madrid, Castela A Mancha e Castela e León. Os escenarios escollidos para a primeira xornada desta cita xa de referencia en toda a península, que se prolongará ata o domingo, son Foz (Martínez Otero), Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao e Viveiro, cun total de 34 partidos. Mañá tamén será testemuña das habilidades destas promesas o municipal de Xove.

O Thalasso Las Sirenas de Viveiro abriu onte oficialmente o evento en homenaxe aos policías Rodrigo Maseda, Javier López e José Antonio Villamor. Ás 20.00 horas a reunión técnica reuniu a clubs participantes, organización e comité arbitral da Federación Galega de Fútbol Sala. Para o cóctel de benvida, ás 20.30 horas, a Fundación Imdecum estivo acompañada pola deputada de Economía e Facenda, Mayra García; os alcaldes de Burela, Alfredo Llano, e Xove, Demetrio Salgueiro; o concelleiro de Deportes de Cervo, José Ramón Soto, e as edís de Turismo de Viveiro e Foz, María Soledad Rey e María Teresa Rego; o inspector xefe da Policía de Viveiro, Jesús Seco, e Pablo Rodríguez, de Participación Cidadá; familiares dos homenaxeados e medios de comunicación.

A fase de grupos asolagará as cinco sedes mariñás ata o sábado. A fase final concentrarase o domingo en Burela, con sesión matinal entre Vista Alegre e Monte Castelo; pola tarde a Bomboneira vivirá as finais das 6 categorías, con entrega de trofeos prevista para as 20.45 horas.

Toda a actualidade do torneo poderá seguirse a través do Twitter da Fundación, @imdecum.

Exit mobile version