Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE esíxelle á Xunta o mesmo trato aos bombeiros de Lugo que aos de Ourense

Lugo, 22 de xuño de 2017.- O voceiro do Goberno Provincial Socialista na Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e os Parlamentarios Socialistas pola provincia lucense, Concepción Burgo López e Luís Álvarez Martínez, esixíronlle este xoves á Xunta que incremente a súa partida para o Consorcio Provincial de Bombeiros e permita así que os bombeiros de Lugo poidan ter o mesmo soldo que os profesionais deste servizo en Ourense. Un bombeiro en Lugo recibe 18.000 euros ao ano, sendo os que menos cobran de toda Galicia, mentres que un de Ourense percibe 21.000 euros anuais, 3.000 euros máis.

Santos Ramos lembrou que o Consorcio Provincial de Bombeiros está integrado a partes iguais pola Deputación de Lugo e pola Xunta de Galicia, que asumen o 50% dos custos deste organismo.

“Dende o Goberno da Deputación sempre defendemos que, co mesmo traballo e co mesmo risco, o xusto é que os bombeiros teñan o mesmo salario. Por iso, dende o Executivo Socialista no organismo provincial xa incluímos no Orzamento de 2017 unha nova partida de 330.000 euros para equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo, cumprindo coa nosa palabra. Pola contra, a Xunta de Galicia non o fixo, mantendo bloqueada esta xusta reivindicación”.

Ante a negativa da Xunta, Concepción Burgo avanzou que “os socialistas imos a presentar no Parlamento de Galicia varias iniciativas para coñecer por que o Partido Popular se nega a facer en Lugo o que si fixo na provincia de Ourense, discriminando, claramente, aos profesionais dos parques de bombeiros de Lugo, sen que poidamos entender o motivo. Esiximos o mesmo trato”.

A parlamentaria do PSOE por Lugo asegurou que “para a Xunta os 330.000 euros, que lle corresponde achegar para poder equipar os salarios dos bombeiros de Lugo aos de Ourense, é unha cantidade cativa, tendo en conta o orzamento público do que dispón, que é máis de 100 veces superior ao da Deputación de Lugo. Aínda así, mantén aos bombeiros nunha situación inxusta e inaceptable”.

Incumprimentos, mentiras e contradicións do PP

Os socialistas apuntaron os incumprimentos, mentiras e contradición dos Partido Popular. Deste xeito, lembraron como a Presidente do PP na provincia de Lugo e voceira deste partido na Deputación, Elena Candia, votou a favor da proposta que o Goberno Provincial do PSOE levou ao Pleno da Deputación para equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo e ata manifestou, publicamente, o compromiso do seu partido con estes profesionais.

Mentres, o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, o popular José Manuel Balseiro, non defendeu aos bombeiros ante o Goberno do PP na Xunta, tentado esquivar este asunto e escudándose, falsamente, ao dicir que antes de levar a cabo este incremento salarial hai que decidir se se modifica o modelo de xestión dos parques.

Pola súa banda, preguntado sobre este asunto ao Vicepresidente do Executivo autonómico do PP, Alfonso Rueda, nunha reunión con representantes do Goberno Provincial do PSOE na Deputación, este limitouse a dicir que os seus compañeiros de partido en Lugo xa coñecían perfectamente o seu parecer.

Santos Ramos pediulles aos populares “que se aclaren. Cando Candia di que si e despois Balseiro di que non, sempre é non. A nós non nos preocupan os problemas internos do Partido Popular, o que nos preocupa é a situación dos bombeiros”. Neste sentido, Burgo destacou que esta situación “non é a primeira vez que pasa. O PP na Deputación di unha cousa e na Xunta di outra. Véxase o que aconteceu coa mellora da estrada de Xermade, que apoiaron arranxar no organismo provincial e se negaron dende a administración autonómica. Os cidadáns non poden ser vítimas dos problemas dos populares”.

Xestión Pública

Santos Ramos apuntou que os bombeiros levan anos en folga porque non teñen as condicións laborais que se merecen como servizo básico e non reciben unha formación regrada e en condicións para garantir a excelencia deste servizo. “Os socialistas temos moi claro o modelo de xestión que queremos nos parques de bombeiros, que é a xestión pública e directa dos 6 parques lucenses. O cambio do modelo non supón máis custos e si máis profesionalidade”.

O Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo conta con 6 parques, 3 na zona norte da provincia (Vilalba, Barreiros e Viveiro) e 3 na zona sur (Chantada, Monforte de Lemos e Sarria) e 120 profesionais.

Exit mobile version