Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo denuncia que a polvareda que se forma no aparcamento municipal da Avenida Rosalía de Castro non se soluciona regando

Ribadeo, 23 de xuño de 2017. O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ribadeo critica a actuación do equipo de goberno para intentar evitar a polvareda que se forma no aparcamento municipal da avenida Rosalía de Castro. Para os populares, que xa denunciaran este problema no pasado mes de abril, a solución non é regar e consideran que é unha tomadura de pelo aos veciños.

O voceiro do PP no Concello ribadense, Jesús López Penabad, explicou: “desde o Partido Popular xa denunciamos hai tempo a situación na que se atopa o aparcamento municipal da rúa Rosalía de Castro. Pero estes días pasados os veciños da zona tomaron cartas no asunto e foron ao Concello a expoñer unha realidade que se fixo quizais máis patente pola meteoroloxía que estamos tendo”.

O portavoz dos populares explicou que “si era moi necesaria unha actuación nese aparcamento, pero ao arranxar o firme desta maneira fixeron un problema moito máis grave co tipo de area que alí botaron”.

Jesús López Penabad critica que “a única resposta do goberno municipal para solucionar este problema é regar. Non sei se o señor Vicente Castro fixo un máster para solucionar estes temas, pero parécenos que se está rindo da xente. Só fai falla pasar pola avenida Rosalía de Castro e ver como está esa rúa: os edificios, os coches, os comercios, etcétcera. Cando fai un pouco de vento é insoportable. A solución do señor Vicente Castro é regar, pero, como comprenderá, estamos en pleno mes de xuño, os días son longos, e como se regue a primeira hora da mañá á hora e media iso vai estar seco e vai persistir o problema. Iso non é unha solución. Parécenos case unha tomadura de pelo. Teñen que tomar cartas no asunto en serio”.

O voceiro do PP engadiu: “sabemos que o aparcamento o xestiona o Concello pero a propiedade non é municipal, pero no convenio que haxa non creo que supoña ningún problema botar unha capa de asfalto, non dicimos aglomerado, que ademais de ser caro sería problemático á hora de sacalo, pero un rego asfáltico sinxelo, que tape esa polvareda que se forma alí, parécenos a única solución que pode ter este problema”.

Para López Penabad “que nos digan que van regar é como quen vai apagar un incendio cun vaso de auga. É un problema que crearon eles por unha mala decisión para reparar algo que era necesario arranxar, pero creo que están a tempo. Vai vir a tempada alta de verán, esperemos que sigamos tendo bo tempo, pero cando se levante un pouco de vento aquilo será insostible”.

O voceiro dos populares pídelle ao goberno municipal que “actúe e non se ría da xente, porque é o que nos parece que están facendo. Estamos na idea que teñen todos os veciños. Hai 90 firmas pero son moitos máis os afectados. É un problema que existe e hai que poñerlle solución”.

Exit mobile version