Lugo, 16 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP considera un feito histórico a aprobación no Pleno de hoxe do Plan Único de Cooperación cos Concellos, que os vai dotar de máis de 20 millóns de euros para dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas da provincia. A voceira do PP, Elena Candia, asegura que calquera cidadán sabe qué foi o que cambiou para que o plan poida ser unha realidade. “É o que cambiou é que estamos ante un Goberno en minoría que se viu obrigado a escoitar”.
“Iso foi o que mudou e o que a xente ve, que levamos anos pedindo un reparto equitativo dos fondos destinados aos concellos e que non foi posible ata agora, que temos un Goberno en minoría que tivo que escoitar as demandas que se lle viñan facendo”, engade.
A voceira do PP congratúlase de que hoxe os alcaldes vexan que as súas demandas son atendidas, “polo que é un día histórico para esta provincia, despois de ano reclamando un reparto xusto e equilibrado dos recursos públicos.
Desde o Grupo Provincial do PP avanzan que o seu partido “sairá á rúa” para explicar as melloras que supón a aprobación do Plan Único con respecto ao reparto de fondos que se viña facendo ata o de agora. Para iso programaranse reunións nas que informar deses cambios e do que esas achegas van supor para cada un dos concellos da provincia.