Lugo, 23 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP acusa a Campos de repartir 6,6 millóns de euros “a porta pechada” evitando o pronunciamento do Pleno, o que supón “un claro paso atrás” na transparencia que debe rexer a acción do Goberno provincial. Os populares fan esta valoración tras saber que o equipo de Goberno aprobou hoxe o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) para o período 2016-2019 “sen sometelo a debate nin á participación do Pleno”.
Desde o PP consideran “eticamente inaceptable e xuridicamente indefendible” que un Goberno en minoría teña o atrevemento de aprobar este plan pola porta de atrás para escapar do control do Pleno, unha ousadía coa que nin Besteiro se atreveu.
A voceira do PP, Elena Candia, lamenta este xesto “autoritario” do equipo de Goberno que nin Besteiro fixo nunca, pois o Plan Estratéxico de Subvencións sempre foi aprobado no Pleno. Precisa ademais, que foi a presión do PP a que obrigou a mover ficha ao presidente da Deputación, posto que o Grupo Provincial do PP rexistrou unha iniciativa para que o PES fora presentado e sometido á aprobación na vindeira sesión plenaria.
Desde o PP avanzan que analizarán o documento aprobado hoxe pola Xunta de Goberno da Deputación ao tempo que insisten na necesidade de que sexa aprobado pola Corporación. A aprobación do plan chega con seis meses de retraso e tres meses despois de que se teña aprobado o Orzamento da institución.
O PP, o motor que impulsa á Deputación
Desde o PP aseguran que, de novo, “o noso traballo e o noso labor de fiscalización vai permitir que se inxecten 6,6 millóns de euros na provincia, polo que defenderemos unha tramitación axeitada e uns criterios obxectivos para a aplicación do plan, unha vez que coñezamos o seu contido”, remarcan. “O PP tense convertido no motor que impulsa a un equipo de Goberno sen ideas e sen ganas de traballar pola provincia”, resumen.