Lugo, 22 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP pídelle a Campos que axilice o novo modelo de xestión dos parques de bombeiros pertencentes ao Consorcio para que esta se faga de maneira directa e non como ata o de agora. “Transcorridos 18 meses dende que o Goberno provincial adquirise o compromiso de clarificar o cambio na xestión, a día de hoxe seguimos a agardar, sen coñecer ningún paso ao respecto”, lamentan.
Esta medida posibilitará, engaden, unha mellora das condicións salariais dos traballadores do cadro de persoal dos parques de xeito que estean equiparadas coas do resto dos profesionais que realizan as mesmas tarefas en Galicia. “Só co desbloqueo do modelo de xestión se pode acometer esa suba salarial que agora está a bloquear a Deputación”, precisan.
Desde o PP lamentan “que os lios internos do PSOE, tanto en Lugo como entre as distintas provincias, os estean apartando por sistema de atender, ocuparse e darlle resposta ás xestións que teñen pendentes e que están a descoidar, como é o estudo sobre o modelo de xestión polo que levamos agardando 18 meses”.
Os populares explican que ao estar próximo o remate do actual contrato de xestión indirecta dos parques do Consorcio de Bombeiros de Lugo, participados en condicións iguais pola Xunta e a Deputación, xorde o debate sobre a idoneidade de implantar un modelo de xestión directa dos parques de bombeiros provinciais, existindo o compromiso por parte da administración provincial de elaborar un informe que estableza a idoneidade deste cambio.
En concreto, as Deputacións acordaron elaborar e presentar un estudo conxunto dirixido a xustificar o cambio do actual modelo cara outro de xestión directa, e no que ademais se indicarían os pasos precisos que se teñen que dar para garantir o mantemento dos postos de traballo dos profesionais que na actualidade prestan o seu servizo. “A día de hoxe, 18 meses despois de terse adquirido este compromiso, seguimos á espera deste informe rigoroso que acredite a viabilidade do cambio”.
Ante esta situación e tendo en conta que a proposición tamén é ben acollida desde a administración autonómica, “sempre que sexa froito do rigor e do consenso”; dende o Grupo Provincial do Partido Popular piden que se materialice de xeito formal ante o pleno do consorcio provincial contra incendios e salvamento a vontade de cambio do actual modelo de xestión polo de xestión directa do servizo.
Ademais, na iniciativa plenaria popular esíxese achegar, en cumprimento do compromiso adquirido, o informe económico e xurídico no que se concreten actuacións e se establezan prazos para levalas a cabo. Piden que este informe xustifique, cando menos, as vantaxes da xestión directa fronte ao modelo actual; que esta non supoña un menoscabo para os contribuíntes; e que non implique perda dos empregos dos profesionais que na actualidade están a prestar os seus servizos.
Para os populares “non basta cunha mera declaración de intencións, senón que é preciso dar pasos que clarifiquen e establezan con total concreción e garantías o modelo de xestión que se pretende implantar”.
Equiparación salarial
Dende o Grupo Popular tamén lembran que existe unha demanda do cadro de persoal dos parques de bombeiros en relación coa mellora das súas condicións laborais e, en particular, sobre a necesaria equiparación económica co resto dos profesionais que en Galicia realizan estas mesmas tarefas. Os populares defenden esta reivindicación como “xusta e proporcionada”, e ademais indican que “non ten sentido desligala do debate sobre o modelo de xestión, por canto, de decantarnos por unha xestión directa dos parques de bombeiros, todos estes profesionais pasarían a ser empregados públicos, nas mesmas condicións e en situación de igualdade a todos os efectos”, precisan.
Ante isto, na súa iniciativa plenaria dende o Grupo Popular tamén solicitan que unha vez definido o modelo de xestión, e concretados os pasos e prazos precisos para a súa implantación “se procederá, sen ter que esperar ao remate das actuais concesións do servizo, a aprobar un calendario concreto para proceder á mellora das condicións laborais dos traballadores do cadro de persoal dos parques de bombeiros pertencentes ao Consorcio, en particular, a súa equiparación económica en termos de igualdade co resto dos profesionais de Galicia”.