Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación inviste 130.000 euros no Resurrection Fest, que xera 11 millóns e 1.000 empregos

VISITA RESURRECTIONLugo, 29 de xuño de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o fundador do Resurrection Fest, Iván Méndez, visitaron este xoves as instalacións nas que se vai desenvolver o festival de música metal e rock máis importante de España desde o 5 ao 8 de xullo. Campos Conde adiantou que “un ano máis, pois dende a primeira edición o Goberno Provincial, xunto ao do Concello de Viveiro con Melchor e María, apostamos por este festival, convertemos á Deputación de Lugo na institución que máis colabora con esta cita. Facémolo cunha achega económica de 130.000 euros, que é un importante investimento, pois o Resu é capaz de xerar un volume de negocio na nosa provincia e, en especial, na Mariña, de máis de 11 millóns de euros”.

“Uns só están para a foto mentres outros traballamos pola provincia con feitos”, engadiu o titular provincial. Fixo referencia, deste xeito, a José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo, administración que, ata o momento, non confirmou colaboración económica directa algunha para esta cita, pois os organizadores do Resurrection Fest o que conseguiron, tras participar nun proceso de concesión de axudas de concorrencia competitiva, foi unha subvención de 40.000 euros de Agadic, axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Cultura. Todo isto, cando a Xunta de Galicia ten un orzamento máis de 100 veces superior ao da Deputación de Lugo.

Neste senso, María Loureiro engadiu que “durante anos, Mechor tivo que escoitar críticas polo seu apoio a este festival, sen o que non sería posible, por parte da oposición e dos que agora se apuran a sacar fotos dende que conseguiu ser un referente a nivel mundial. A figura de Melchor Roel é fundamental na organización do Resurrection Fest, porque, hai 12 anos, apoiou a uns rapaces que lle fixeron a proposta e, a pesar dos atrancos, conseguiu sacar adiante, xunto coa organización, este festival que hoxe xa é unha referencia en todo o mundo. O Resu medra ano tras ano para converterse nun dos mellores escaparates que ten a cidade do Landro e a Mariña Lucense”, engadiu a Alcaldesa.

11,2 millóns, 1.000 empregos e 90.000 espectadores de 30 países
O Resu supón un impacto económico de 11,2 millóns de euros, ao tempo que xera arredor de 1.000 empregos de xeito directo e indirecto. Neste intres, xa colga o cartel de ocupación hoteleira ao 100% na zona. Iván Méndez destacou que están a punto de esgotar as entradas, pois quedan menos de 1.000, e avanzou que se espera a chegada de 90.000 espectadores nestes catro días, procedentes duns 30 países.

O Concello pon á disposición dos usuarios o cámping gratuíto en Covas (con servizos de baños, duchas e buses) e o Mirador de San Roque (que tamén conta cunha gran zona de aparcamento). A organización ten máis propostas: Beachcamp: unha zona de acampada á beira da praia de Area; o Resucamp: Cámping a escasos metros da entrada ao festival, a praia de Celeiro, e a Área Cámping: con todas as necesidades cubertas.

100 bandas nos 4 escenarios temáticos
A XII Edición do Resurrection Fest arranca o día 5 de xullo e remata o día 8 de xullo. O cartel contará o venres co único concerto na península de Rammstein, que, segundo a propia organización, “neste momento é o espectáculo de rock, son, luz e pirotecnia máis grande do mundo”. Haberá 4 escenarios temáticos e 100 bandas no festival de música extrema, que xa é unha referencia mundial. Tamén soarán outras bandas de referencia como Rancid, Mastodon, Anthrax, Dropkick, Murphys, Sabaton ou Airbourne. O Resu gañou o Premio Fest 2016 na categoría ao mellor formato grande a nivel nacional. Este galardón é o único que existe en España adicado aos festivais de música.

Exit mobile version