Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno da Deputación achega 8.000 euros ao Mercado Renacentista de Viveiro

dario campos-mercado renacentistaLugo, 29 de xuño de 2017. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, visitaron este xoves os 90 postos do Mercado Renacentista, que se celebra na Praza Maior e nas rúas do casco histórico de Viveiro desde hoxe ata o próximo domingo. Campos Conde remarcou a aposta do Goberno da Deputación por esta cita, xa que “o organismo provincial é a única administración que, xunto co Concello, promociona desde a súa primeira edición o Mercado Renacentista. Por iso destinamos para esta décima edición 8.000 euros que permiten impulsar unha cita moi importante para a actividade económica e a chegada de visitantes a Viveiro”.

Loureiro García agradeceu o apoio do Goberno da Deputación coa promoción turística da vila e avanzou que “nesta edición, como novidade, os veciños serán os protagonistas do acto máis importante do Mercado, xa que poderán representar distintos papeis no desembarco da chegada de Carlos V na praia de Covas”. Ademais está prevista para o sábado a multitudinaria comida na rúa, na que este ano xa están inscritas 1.500 persoas.

90 postos renacentistas ata o domingo
O Mercado Renacentista de Viveiro celébrase desde este xoves ata o domingo, día 2, e ten como escenario a Praza Maior do Concello, así como todas as rúas do casco histórico da vila.

Nesta edición, a número 10, haberá 75 actividades programadas, así como 90 postos relacionados coa época renacentista, como por exemplo; artesanía, bisutería, madeira, ferro, produtos tradicionais e da Comarca ou roupa. O Mercado remata o domingo, co gran desfile de despedida con todas as compañías que participaron nesta cita, no que haberá moitas sorpresas.

Exit mobile version