A rexedora, Elena Candia, explica que o obxectivo que se pretende é “a mellora de seguridade e a calidade de vida dos veciños e veciñas, así como avanzar nuns servizos de emerxencia máis eficientes e máis rápidos”.
Nesta aplicación para teléfonos móbiles, que se instalará nos dispositivos municipais e á que terán acceso mediante un código tanto o 061 como os bombeiros, están sinalizadas todas as casas da localidade, tanto nas residen veciños como nas baleiras que reúnen as condicións de habitabilidade. Isocrona tamén referencia os lugares e puntos de interese que poden servir de orientación aos servizos de emerxencia; ao igual que os puntos de carga de auga para os bombeiros.
Un servizo “fundamental”
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, acompañada do responsable do servizo, Juan Carlos Castro, o xefe base do 061 da Mariña, Andrés Campos, e do sarxento de bombeiros do parque de Barreiros, Fernando González, presentaron esta mañá a aplicación que para a rexedora prestará “un servizo fundamental na nosa localidade”.
“Mondoñedo é un concello fundamentalmente rural cunha ampla dispersión xeográfica, condicións que dificultan a prestación dos servizos de emerxencia e poñen trabas á hora de ofrecer aos cidadáns unha resposta áxil. O uso das novas tecnoloxías permitiranos mellorar en eficiencia e garantir o máximo posible a seguridade dos nosos veciños”, manifestou a rexedora.
A alcaldesa explicou que coa APP e grazas aos diferentes datos que integra, a través do GPS crease unha ruta que indica o percorrido ao equipo ata o punto no que se está a producir a emerxencia. Ademais, as vivendas tamén están identificadas coas coordenadas, que se poden empregar nun sistema de GPS.
Polo tanto, a rexedora tamén quixo poñer en valor esta iniciativa que emprega as novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida dos veciños, promovida por un traballador do 061 e presentada na aceleradora de proxectos empresariais posta en marcha en Mondoñedo. “O propio promotor da iniciativa encargouse de realizar o traballo de campo e acadar os diferentes datos que permitiron que hoxe dispoñamos desta APP no Concello”, precisou.