Cervo, 23 de xuño de 2017.- O Concello de Cervo está a acometer estes días traballos de mantemento e repintado da sinalización horizontal nas diferentes rúas das zonas urbanas de Cervo e San Ciprián, nos viais que son competencia municipal.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, supervisaron esta mañá a actuación que conta cun presuposto que ronda os 20.000 euros, todos eles recursos propios.
Villares sinalou que con estes traballos o que se pretende “é reforzar un aspecto fundamental como é a seguridade, sobre todo dos peóns, máis agora cando se está a achegar a tempada forte de verán, cando se concentra unha gran cantidade de xente no noso pobo”.
O rexedor pedíu “a comprensión dos nosos veciños, polas molestas que poidan ocasionar estes traballos que redundan no beneficio de todos”.
Accesibilidade
Por outra banda, Villares recordou que o Concello de Cervo, tamén está a executar o seu plan de accesibilidade integral, que comezou no centro urbano de San Ciprián, no que se levan investidos preto de 200.000 euros, froito de convenios asinados coa Xunta de Galicia.
Nestes intres, estanse a acometer os traballos na segunda fase da Avenida da Mariña que é a vía principal do núcleo, que vertebra e une os diferentes espazos urbanos da vila e “na que detectamos distintas problemáticas que dificultaban a circulación dos peóns, nos trazados das beirarrúas, dos pasos de peóns e das conexións entre vías, xestionando o estacionamento de vehículos e a colocación de mobiliario urbano a fin de favorecer o tránsito dos viandantes”.
O obxectivo que se plantexa pois, é ir adaptando gradualmente as rúas, para mellorar a accesibilidade e facilitar a mobilidade dos peoóns, creando uns centros urbanos moito máis humanizados, e mellorando os espazos públicos co fin de que todos os veciños podan gozar do entorno de xeito libre, seguro e o máis autónomo posible.