Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG propón que a Deputación axude aos concellos a crear servizos de conciliación familiar

Lugo, 22 de xuño 2017. Os Deputados do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro e Antonio Veiga, presentaron hoxe as iniciativas que levarán ao vindeiro pleno da corporación provincial. Unha delas irá destinada a pedir os fondos necesarios para que os concellos da provincia poidan crear servizos de atención a nenas e nenos polas mañás antes da hora de entrada aos centros escolares. Ademais Antonio Veiga informou que outra das propostas será para pedir criterios obxectivos e un maior reparto de fondos, dende a Xunta de Galiza, para que os concellos poidan manter as pistas e camiños municipais nas condicións debidas. Veiga explicou que a Xunta segue unha filosofía contraria a do Plan Único que o BNG logrou para a Deputación.

Os nacionalistas proporán instar ao Goberno da Deputación de Lugo a sacar unha liña de axudas destinadas aos concellos que xa teñan ou queiran instaurar un servizo de conciliación da vida familiar e laboral nos centros escolares, ou locais que consideren, para que as familias poidan deixar aos seus fillos e fillas durante os momentos da xornada laboral que non entran no horario escolar ou nas épocas e días laborables que non son lectivos. Ferreiro resaltou que “resulta unha realidade evidente que a conciliación da vida familiar e laboral é un dos problemas máis serios aos que se enfrontan as parellas mozas con fillos ou fillas nos tempos de hoxe, máxime nunhasituación de precariedade laboral xeneralizada e de incerteza nos postos de traballo onde calquera alteración no rendemento da persoa traballadora pode levar consigo que instantaneamente se quede sen emprego”.

O BNG presentará tamén unha iniciativa para pedir que se incrementen os fondos destinados ao plan Marco de mantemento de camiños rurais e municipais. Veiga contrastou a filosofía do Plan Único impulsado polas deputacións de Lugo, Coruña e Pontevedra nas que se apostou por dotar aos concellos dun finanzamento estable e o que fai a Xunta que recorta os fondos que se distribuían dun xeito equitativo para despois entregalos de xeito discrecional aos concellos da súa cor política. En referencia ao Plán Único, Veiga sinalou que “a derrota é orfa e o vitoria ten moitos pais e moitas nais” e afirmou que “alegrámonos que tanto PSOE como PP se esforcen en vender o que foi unha proposta do BNG e que recibiu os parabéns de todos os concellos independentemente da cor política dos seus gobernos”

Parques de Bombeiros
Xosé Ferreiro referiuse á situación na que se atopan os traballadores do parques de bombeiros comarcais. Neste momento un bombeiro dun dos 6 parques comarcais de Lugo cobra uns 3.500 euros anuais menos que un bombeiro de Ourense “e esto dase por unha imposición política do PP dende o goberno da Xunta” sinalou Ferreiro. Para o BNG “o problema da equiparación salarial dos bombeiros é unicamente un problema de vontade política e na Deputación demostrouse cando o BNG estivo no goberno e, ademais dunha incorporación de 330.000 euros aos orzamentos provinciais, conseguiuse que as empresas concesionarias eliminaran as contratacións precarias que se estaban a dar nos parques comarcais de bombeiros de Viveiro, Barreiros, Chantada, Sarria, Monforte e Vilalba”.

Exit mobile version