Ribadeo, 23 de xuño de 2017. O 25 de xuño comeza a nova tempada dos Mercados dos Domingos que se celebrarán nas inmediacións da praza de abastos entre as 9:00 e as 14:00 horas. Este ano contarán con dous novos produtores e terá catorce postos. O Mercado dos Domingos está organizado pola asociación A Sucadoira e o Concello de Ribadeo.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, sinalou que “como cada ano e xa coa chegada do verán Ribadeo abre esa porta para o Mercado dos Domingos, ese mercado que cada ano se dispón diante da praza de abastos e no que podemos mercar produtos locais fundamentalmente. Eses produtos frescos das hortas do concello de Ribadeo, das parroquias de Piñeira, de Vilaselán, de Arante, de Ove, eses produtos frescos que podemos degustar dunha maneira diferente a cando xa nos chegan a través doutras canles de transporte”.
A edil ribadense salientou que “o Mercado dos Domingos é un mercado diferente, é un mercado directamente desde o produtor ata o consumidor, que pon en valor esa economía local, máis próxima, e sobre todo potenciando o produto de tempada e un consumo de calidade. Como todos os anos este mercado está organizado polo Concello de Ribadeo en colaboración coa asociación de produtores e produtoras de horta A Sucadoira. Ten lugar como sempre e como case todo o mundo sabe porque é un referente en toda a comarca, diante da praza de abastos todas as mañás dos domingos do verán dende as nove da mañá ata as dúas da tarde”.
Ana Martínez anunciou que “este ano dará comezo o próximo domingo, 25 de xuño, e rematará a finais de setembro, probablemente sobre o día 24, con esa feira que dá un pouco de explosión e degustación de todos estes produtos que durante o verán podemos ir consumindo no mercado. Haberá produtos de horta, queixos, pan, conservas da zona, degustación de ostras no propio mercado para levar a casa, e ademais falamos de embutidos, de coitelería, de artesanía, e tamén este ano temos como novidade marmeladas e zumes artesáns. É un mercado diverso, moi atractivo e no que queremos poñer en valor os nosos produtos. Serán catorce postos con esa oferta e queremos convidar a todas e a todos a que se acheguen a Ribadeo para poder mercar e degustar todos os produtos que a partires deste domingo de novo se van ofrecer no mercado diante da praza de abastos”.
Pola súa banda a presidenta da asociación A Sucadoira, Ana Díaz, comentou que “vai haber produto de tempada, da horta que vai directamente do produtor ao consumidor, fresquiño, collido todos os días á noite e pola mañá cedo. Temos de todas as variedades desde leituga, repolo, coliflor, brócoli, rabanitos, remolacha de mesa, arándanos, xa empeza a haber ameixa xaponesa do país. Todos os produtos que se poden contemplar nesta época, as xudías que tamén xa empeza a haber, pepino, calabacín”.
Ana Díaz engade que “normalmente temos que ser produtores dos concellos da zona, cando empezamos como Leader eramos de Ribadeo a Castropol, teñen que ser produtores que eles mesmos produzan a mercancía. O problema que seguimos tendo é que hai moi poucos. Este ano empezan dous produtores novos, unha rapaza que formou unha cooperativa en Navia de Suarna e producen eles todo o que traen ao mercado, e tamén un rapaz novo. Pero normalmente a xente vaise xubilando, de 25 que empezamos quedamos sobre 10. O problema que temos é que empezan moi pouquiños. Os postos que haberá este ano no Mercado dos Domingos serán arredor de 14 ou 15”.
Para a presidenta da asociación A Sucadoira “tiña que haber máis promoción e seguimento por parte das administracións porque de pouco serve dar dous ou tres anos axudas e que non se faga un seguimento a esa xente porque despois acabouse iso e xa se van”.
Ana Díaz explicou que “para participar no mercado teñen que ser produtores que fagan eles a mercancía, o dos queixos ten que producilos el, o de envasado de pescado ten que ser el quen envase a produción, o do pan ten que ser el o panadeiro e os das marmeladas e os zumes teñen que ser eles os produtores”.