Foz 21-6-17. O Grupo Municipal de Foz Plataforma de Futuro, Luís Alfonso Sixto Legaspi, Juan Luís González Riveiro e María Peña Rubiños Fernández a través do seu voceiro Luís Alfonso Sixto Legaspi presenta para o seu debate e aprobación no pleno deste Concello a seguinte moción:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
No Pleno de Setembro do ano 2015, o grupo municipal de Foz, Plataforma de Futuro, traíamos a debate a esta corporación unha demanda moi importante dos veciños e veciñas da parroquia de San Acisclo. Os representantes da AA.VV de San Acisclo achegábannos a demanda de que non dispoñían de ningún parque infantil nin dun sitio de encontro para as persoas maiores da parroquia de San Acisclo, tamén comentábannos que había un lugar público ó lado da estrada LU-152 pkm 9´800, coñecido como o cruce da estrada de San acisclo a Fazouro, que está sen uso ningún e nunhas condicións de abandono e incluso perigoso por culpa dunha cuneta que está descuberta e bastante profunda. Esta zoa podería ser idóneo para acometer unha actuación integral e darlle un uso para desfrute dos veciños e visitantes. Así mesmo sometíamos a debate e aprobación dúas propostas
-Dar traslado á Xunta de Galicia (Consellería de medio ambiente, territorio e infraestruturas) a solicitude de acometer as obras de mellora deste espazo público a que poderían ser as anteriormente citadas como parque infantil e lugar de encontro de maiores con uns bancos e uns equipos de ximnasia como hai noutros lugares do noso Concello.
-Ou no seu defecto solicitar á Xunta de Galicia a titularidade municipal desta parcela e sexa o Concello de Foz quen se encargue de realizar dita obra.
-Así como que antes de acometer esta obra se mantivese unha reunión cos veciños e veciñas de San Acisclo para que fosen eles os que decidiran a mellor forma de investir ese diñeiro.
Despois de pasaren case dous anos de que esta proposta fora debatida en Pleno e aprobada por unanimidade dos membros desta Corporación, non tivemos reposta ningunha da administración da Xunta de Galicia, polo que dende a nosa formación consideramos novamente traela a debate a esta Corporación, entendendo que xa levamos tempo suficiente perdido e coa necesidade de que demos un paso ó fronte.FPF manifestamos sempre o noso compromiso coas parroquias e as súas necesidades, o noso traballo é estar vixiantes ó equipo de goberno e fiscalizar que se leve a cabo aquelas mocións aprobadas con anterioridade nesta Corporación.
Por todo o anteriormente exposto propoñemos á Corporación Municipal a aprobación dos seguintes acordos:
1- Solicitar á Xunta de Galicia a titularidade municipal desta parcela e que sexa o Concello de Foz quen se encargue de realizar dita obra.
2- Así como que antes de acometer esta obra se mantivese unha reunión cos veciños e veciñas de San Acisclo para que fosen eles os que decidiran a mellor forma de investir ese diñeiro.