Site icon Crónica3.com A Mariña

De xullo a setembro desenvolverase unha nova edición das xeorutas, que organiza o concello burelés, para dar a coñecer a súa historia xeolóxica

230617 Foto Xeorutas arquivoBurela, 23 de xuño de 2017. As delegacións de Turismo e Medio Ambiente organizan unha nova edición das Xeorutas que se desenvolverán durante os meses de xullo, agosto e setembro ata O Perdouro e ata A Marosa. A actividade, que tan boa acollida tivo o ano pasado, enmárcase dentro do proxecto Entre cantís, que financia o Grupo de Acción Local do sector pesqueiro A Mariña-Ortegal.

A ruta xeolóxica desde Burela ata O Perdouro terá lugar no mes de xullo, os días 2, 11 e 24; en agosto os días 8, 16 e 24; e en setembro os días 8 e 14. A distancia desta ruta son 3 quilómetros entre ida e volta, e ten unha dificultade media.

Segundo explican Ramiro Fernández Rey e Noelia Mª Ben “esta xeoruta permite descubrir o conxunto de pregues mellor conservado de toda Galicia, unhas estruturas xeolóxicas de máis de 300 millóns de anos de antigüidade. Tamén percorre os fermosos arcos naturais do Castrelo, que contrastan cos materiais da chamada rasa cantábrica, superficie achairada que comeza en Burela e que se extende por boa parte do Cantábrico”.

A ruta xeolóxica que discorre ata A Marosa desenvolverase no mes de xullo os días 7, 20 e 30; en agosto os días 2, 12 e 15; e en setembro os días 1 e 16. A distancia é de 6 quilómetros entre ida e volta, e a dificultade é baixa.

Os edís de Medio Ambiente e Turismo sinalan que “nesta xeoruta as rochas graníticas son sen dúbida algunhas das protagonistas, e o percorrido litoral permite descubrir a orixe das formas tan caprichosas que adquiren estas rochas co paso dos anos. Tamén se observan as pegmatitas, unhas rochas que en ocasións son portadoras de minerais semi preciosos e que mostran un aspecto moi chamativo”.
Ambas xeorutas sairán dende a Oficina de Turismo no porto de Burela, e terán un horario de 10:30 ás 13:30 horas pola mañá, ou de 16:30 e as 19:30 horas as que se desenvolvan en horario de tarde.
Noelia Mª Ben e Ramiro Fernández Rey animan “a todas as persoas que visiten a Mariña durante este verán a que se acheguen ata Burela para achegarse á historia xeolóxica de Galicia e coñecela un pouco máis. Estas rutas vanos sorprender”.

As persoas interesadas en participar nestas Xeorutas poden formalizar as súas inscricións en www.TurismoBurela.org ou no Concello chamando ao seguinte número de teléfono 982 586 000.

Exit mobile version