A seguridade xurídica é un principio fundamental do dereito consistente na certeza do mesmo, tanto na súa publicidade coma na súa aplicación. A seguridade xurídica é garantida ao individuo polo Estado de xeito que a súa persoa, os seus bens e os seus dereitos non se verán atentados.
Así, dun xeito menos teórico, a seguridade xurídica sería unha cualidade do ordenamento que produce certeza e confianza no cidadán con respecto ao dereito aplicable en cada momento.
Ven traído dito concepto a propósito do que estamos a vivir estes días en relación co sector bancario español: a intervención e venda do Banco Popular e o recoñecemento por parte do Banco de España da perda de 60.600 millóns de euros das axudas ao rescate.
Algún día vostede dixo: tanto me ten; tamén o fixen eu. Bastante tiñamos con atender ao cotián, á familia, ao traballo, ás circunstancias da vida… Hoxe voltan vellas pantasmas.
A dicir verdade a honestidade e bo facer do sector bancario patrio sempre estiveron en entre-dito: próximo queda aquel marzo do ano 36 onde o banqueiro Juan March Odinas facilitaba diñeiro para a adquisición de armas no estranxeiro que logo serían utilizadas no golpe de estado.
Hoxe en día seguen presentes certos paralelismos: un país arruinado pola maior débeda da súa historia, dividido, coa maior taxa de desemprego xuvenil dos países desenrolados e onde os bancos controlan dende o Tribunal Constitucional ata os hospitais.
En xuño do ano 2012 o Goberno de Rajoy pediu axuda aos socios Europeos para rescatar a parte do sector financeiro español, infectado por activos tóxicos inmobiliarios e unha crecente morosidade. Así o Banco Central Europeo puxo en marcha unha liña de crédito ao noso favor.
Logo veu todo o demais: privatización das Caixas de Aforros, venda masiva de produtos financeiros complexos a público minorista, contabilidades trucadas, saídas a bolsa fraudulentas, hipotecas con cláusulas de chan e a venda do Popular polo simbólico prezo dun euro.
Agora, que segundo novas recentes da máxima autoridade bancaria: Banco de España, temos coñecemento da perda da meirande parte da axuda ao rescate, quero chamar a atención sobre o concepto inicial: a seguridade xurídica.
Sen confianza e seguridade con respecto ao ordenamento xurídico o estado de dereito non pode existir, para iso o único camiño posible é recuperar fórmulas de banca e negocio financeiro transparentes. O contrario, a antesala da guerra.