O máximo responsable provincial afirmou que “este é un día agridoce para nós xa que, por unha banda, 28 rapaces e rapazas que formaron parte da nosa Escola nestes dous últimos anos rematan os seus estudos pero, por outra, comeza unha nova etapa chea de ilusión. Sentímonos moi orgullosos de cada dos nosos novos titulados e agardamos que inicien agora unha andaina con éxito no audiovisual. Dentro das posibilidades da TIC, seguiremos apoiándoos nos proxectos que emprendan no futuro”.
O modelo educativo da TIC
Campos dixo que “a formación que impartimos na EIS é froito da aposta que facemos desde o Goberno da Deputación polo ensino de calidade, a igualdade de oportunidades e a especialización adaptada ás demandas dun sector moi dinámico”. O Presidente puxo coma exemplos deste modelo educativo tanto a organización da propia Gala como os traballos que se presentaron durante o acto: dous videoclips, unha curtametraxe e un spot, elaborados polos alumnos de segundo. Ademais, subliñou que “o curso que vén mantermos a matrícula gratuíta. Queremos que todos os mozos e mozas da nosa provincia con talento e vocación poidan acceder a EIS, independentemente da súa situación económica”.
Unha Gala de cine
Os alumnos de primeiro de Produción organizaron a Gala de Graduación como práctica dentro do módulo de Planificación de Proxectos de Espectáculos e Eventos. Inspirada no cine clásico, a velada contou con numerosas sorpresas e un photocall na entrada da Escola.
Ademais proxectáronse os videoclips Méteo no cu de Mi Perro Vicent e Tú sin mí de Lucía Pérez; a curtametraxe Hermetismos e o spot dunha marca de leite. Estes son algúns dos traballos elaborados polos novos titulados que, ao longo do curso tamén realizaron, entre outros, tres programas de televisión que poden verse nas redes sociais e a Semana de Teatro con 11 espectáculos representados, producidos e realizados por eles.
Prazos para o curso que vén
A matrícula para o curso 2017- 2018 será gratuíta por décimo ano consecutivo. O prazo de preinscrición para as 40 prazas de primeiro dos ciclos Superiores de Realización e Produción remata este venres, 23 de xuño. A matrícula ordinaria poderá formalizarse do 4 ao 20 de xullo.