Burela, 22 de xuño de 2017. O alcalde burelés, Alfredo Llano, critica que o portavoz do PP estea a defender os intereses de Celtaprix en lugar de defender os dos veciños e veciñas de Burela e cualifica de grave e triste esta situación. Llano pídelle a González Barcia que explique por qué non presentou no ano 2012 a reclamación correspondente diante da empresa que se encargaba do servizo de limpeza.
O rexedor referiuse “ás manifestacións do señor Barcia con respecto á empresa Celtaprix e que di que se nos obriga a facer un pago, é moi triste que o portavoz do PP siga insistindo, como se fose o representante legal dunha empresa privada, defendendo os intereses desa firma, como se tivera moito que ver dentro do propio organigrama de Celtaprix”.
Llano explicou que “cando a empresa Celtaprix entrou en concurso naquel momento, mentres que outros acredores reclamaron o que consideraban que era de lei o Concello de Burela, no ano 2012, non fixo nada, non se personou como afectado pola situación que deriva da fase concursal. Pero tiña que reclamar naquel momento o que se debería considerar como incumprimento da empresa con respecto ao Concello de Burela e por tanto había que facer unha reclamación polos valores que se consideraba que non se exerceran. Había dereito a unha reclamación económica ou doutro tipo para compensar o que non se fixo durante todo o tempo que estivo Celtaprix no servizo de limpeza aquí, no Concello de Burela”.
O alcalde burelés dixo: “pero iso non se fixo e o señor Barcia, canto antes o faga mellor, terá que aclararlles isto aos veciños de Burela, por que non se reclamou no seu momento o que se tiña que esixir. E agora nosoutros si fixemos esa reclamación en base a un estudio contrastado. Vimos que había uns incumprimentos moi graves derivados do contrato que se fixera no seu momento con Celtaprix. O que máis destaca son os incumprimentos de compromisos que había co Concello, como era a construción dunha nave e unha serie de melloras que non se levaron nunca para diante. Por iso no ano 2012 tiña que ter reclamado o señor Barcia iso. Pero non o fixo e terá que explicarlle ao pobo de Burela por que razón non se realizou esa reclamación”.
Alfredo Llano insistiu en que “nosoutros si que o estamos a facer. Unha vez feito un estudio con rigor comprobamos que despois de rematado o contrato con Celtaprix deberiámoslle reclamar un millón de euros aproximadamente. É unha cantidade que posiblemente non cobraremos nunca porque no seu momento non se fixo a reclamación, porque o señor Barcia non fixo nada de nada para solicitar polo menos algún tipo de reclamación para estar agora na fase final do reparto que puidera existir, se é que o hai, de Celtaprix cos seus acredores”.
Ao rexedor parécelle “grave que se estea facendo un defensa dunha empresa por parte dun ex alcalde, que estivo moi relacionado con Celtaprix e ten que dicirlles aos veciños porque non fixo no seu momento a reclamación e por que defende, como se fora un xerente desa empresa, os intereses desa firma”. E pregúntase: “¿Qué pasou agora con esa cantidade que di o señor Barcia que tivemos que pagar? Nunca nos negamos a pagar, de feito pagamos todas as facturas bimensuais cada vez que se personaban no Concello. Había tamén unha sospeita fundamentada e nosoutros non queríamos que unha vez que deixaramos de ter o servizo de Celtaprix os traballadores de Burela que estiveron nesa empresa non tiveran cobrado os seus soldos e non tiveran pagadas as súas obrigas en cuestións de Seguridade Social ou outras derivadas dos contratos cos traballadores”.
Alfredo Llano seguiu a relatar: “entón comprobamos que estaba todo resolto antes de facer o último pago. Tíñamos base xurídica, realmente estábamos ben asesorados e non estábamos incumprindo absolutamente nada; soamente queríamos comprobar que non houbera prexuízo para os traballadores. E non se fixo antes o pago tamén porque, e así llo expliquei no seu momento a un responsable de Celtaprix, tivemos unha baixa por enfermidade en Intervención. Por este motivo non puidemos efectuar o pago de Celtaprix nin outros porque non había maneira, pois estábamos sen interventor. En canto se normalizou esta situación xa se fixo ese pago, que normalmente efectuase para que a fase concursal poida abonar os soldos dos traballadores e tamén as obrigas como a Seguridade Social e outras que puidera ter derivadas dos contratos cos traballadores”.
O alcalde de Burela subliñou que “nosoutros sempre tivemos en mente pagar, pero outra cousa é se temos dereito a reclamar ou non; así que tamén reclamamos. Se non se fixo antes non foi porque non tivéramos vontade de pagar para compensar ese millón de euros. Non ten nada que ver unha cousa coa outra”.