Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiará a contratación de 81 socorristas para as praias e piscinas dos 13 concellos da Mariña que o solicitaron

Lugo, 23 de xuño de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a contratación de 81 socorristas que velarán durante o verán pola seguridade nas praias e piscinas dos 13 concellos da Mariña que solicitaron este servizo.

A comarca concentra a maioría das axudas da provincia; en conxunto, suman un investimento de 250.170 euros, preto do 73% do importe total destinado a Lugo.

Do total de contratacións, 75 socorristas serán destinados aos arenais dos municipios costeiros e os demais a piscinas en Alfoz, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Trabada e Lourenzá.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou que hoxe mesmo se librará unha primeira partida de máis de 246.000 euros para axilizar os pagos das axudas, entre as que se contan as concedidas aos concellos da costa; nos vindeiros días completaranse todos os expedientes. Ao respecto, cabe lembrar que a consellería autorizou a contratación anticipada de socorristas a todos os concellos que llo solicitaron para que puideran avanzar a tramitación.

Balseiro afirmou que no conxunto da provincia a consellería propicia a contratación de 112 socorristas en 40 municipios, cun investimento de 343.000 euros. Este ano súmanse dous concellos máis e tamén medra o financiamento en preto dun 2,5% ata situarse nos 343.000 euros.

Balseiro destacou que este programa de axudas “é especialmente importante para os municipios costeiros, xa que lles permite contratar a persoal suficiente para ofrecer un axeitado servizo de vixilancia e salvamento nas praias durante a tempada alta, que sería moi gravoso asumir cos seus propios medios”.

“En todo caso -engadiu- hai outros 32 concellos que tamén se benefician desta iniciativa e reciben financiamento para atender as piscinas municipais ou praias fluviais durante o verán”.

Estas axudas para a contratación de persoal de socorrismo enmárcanse na liña de cooperación administrativa entre a Xunta de Galicia e as administracións locais. A consellería sufraga a totalidade dos custos laborais dos socorristas durante os meses de xullo e agosto, e os concellos realizan as xestións de selección de persoal e contratación.

Exit mobile version