Site icon Crónica3.com A Mariña

A concellería de medio ambiente advirte aos propietarios de solares e terreos en Burela da súa obriga de telos libres de maleza e de residuos

Burela, 22 de xuño de 2017. A Concellería de Medio Ambiente advirte aos propietarios de solares e terreos en Burela da súa obriga de telos en perfectas condicións, libres de maleza e de residuos. No Concello recíbense queixas pola vexetación, que nalgunhas zonas invade as beirarrúas e as vías públicas.

Noelia Mª Ben fai unha chamada á responsabilidade dos veciños e veciñas de Burela “para que teñan segadas e limpas as súas fincas, porque iso redundará no ben de todos. Queremos ter o noso pobo o máis limpo posible e ofrecer a mellor imaxe para os vivimos aquí e tamén para os que nos visitan durante o verán”.

A edil socialista alude “á seca que estamos a sufrir. En caso de que se rexistre un lume nesas fincas sempre será máis doado actuar tendo os solares limpos que cando están cheos de maleza, xa que se poden propagar as llamas con máis facilidade e chegar a darnos algún susto. E non queremos que iso ocorra”.
A concelleira de Medio Ambiente advirte que “o Concello poderá remitir notificacións aos propietarios dos solares para que os seguen e retiren a maleza, que nalgúns casos está a invadir a vía pública ou as fincas próximas, ocasionando queixas de veciños e veciñas de Burela”.

No Concello agardan que “todo o mundo responda á nosa chamada e que cumpran coas súas obrigas. De non ser así teremos que aplicar a normativa municipal vixente, que leva aparelladas multas para os que a incumpran”. Noelia Mª Ben subliña que “o Concello poderá ordenar a execución deses traballos de limpeza por motivos de interese estético ou de hixiene, con cargo ao propietario e sen prexuízo das sancións correspondentes”.

Noelia Mª Ben fai tamén unha chamada á prudencia durante as fogueiras de San Xoán e San Pedro: “que todo o mundo teña presente que esta semana houbo unha comunicación da Consellería de Medio Rural na que se prohiben ata novo aviso as queimas agrícolas e forestais polas condicións meteorolóxicas e o índice de risco de lume existente”.

Exit mobile version