A rexedora municipal explicou: “este recoñecemento que hoxe recibín en Santiago é unha satisfacción e un orgullo para min, como representante deste concello. Quero agradecer e facelo extensible a todos os laurentin@s porque grazas a eles Lourenza está entre os 5 concellos de Galicia que máis doazóns de sangue rexistraron no ano 2016. En total houbo 134 doazóns de sangue, o que supón unha taxa de 46/1.000 habitantes. É un privilexio acudir a un acto destas características, onde se premia unha gran labor social e humana como é este caso. Aproveito a ocasión para agradecer a colaboración de todos os cidadáns de Lourenzá e fago un chamamento para que sigan participando nas campañas de doazón organizadas pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos para que o vindeiro ano Lourenzá siga sendo o primeiro concello da provincia de Lugo en doazóns e estando entre os primeiros de Galicia. Por tanto esta labor non remata aquí, máis ben acaba de comezar porque agora o seguinte reto é aumentar cada ano un pouco máis as doazóns e axudar así a toda a xente que o necesita”.
No acto de hoxe recibiron as distincións diversas entidades que colaboraron na doazón de sangue en Galicia durante o ano 2016. O evento contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.