Cúmprense nestas datas 75 anos da primeira vez que embarcacións focegas puxeron proa a portos do leste para iniciar a longa travesía anual e dedicar un par de meses á pesca do bocarte que era, mais ou menos, a duración da costeira. Foran as primeiras en zarpar as chamadas”Delio” e “Remixia”. A primeira, propiedade da familia Quintanero, tripulada polos irmáns Antonio e Eliseo Ares Otero; e os mariñeiros Valadouro, Balbino de Andrés, Chingla, Mancha,Didín, Manolo da Cacarela, Salvador Incera, Pepe do Fesguello, Suso Castiñeira e Pepe do Barbeiro, o motorista.
A “Remixia”, da que era armador Emilio Teixeiro “Pelotas”. Mandada por “Pachocho”, levaba ademais a Alberto da Capitana, Normando, Manolo de López,Tisia, Paco de Eulalia,Barrigán, O Mereto, Pelolelo e Cora. Sucesivamente foron seguíndoas tódalas lanchas con base en Foz: Mari Came, Sebito, Balboa, Jesús Dolores, Dominga,Nazareno, Lestegás, Otero Lage, Gavilán del Mar, Brisas de Foz,Normando, etc.; o que significaba todo un éxodo hacia aquelas latitudes.
Nas vésperas da saída o peirao ofrecía grande animación: a preparación e avituallamento das distintas unidades, daban lugar a un trafego de persoas, víveres, mercadurías… que levaban parello a tristura da despedida e tamén a ilusión de que á volta se cumprirían obrigas e promesas, mesmo de casamento; novos proxectos de vida… Á volta de Lequeitio era frase acuñada que expresaba as esperanzas e desexos, que en boa medida dependían das capturas vindeiras.
Pascasio Naray era un persoeiro singular, polifacético: mestre zapateiro, carteiro e barman; enxeñoso, versificaba feitos da vida local. Chegada a costeira, coa música de “Santander”, o bolero que tan popular fixera o cantante Jorge Sepúlveda, cantaba: “ As de Foz son o demo e namais / todas queren gastar/ medias de “plexiglás”./Eu soñei ou dixéronme a mín / que se falla o bocarte / vánseche pra Madrí ”… feito do que había precedentes na vila. As medias de “plexiglás”, tamén chamadas “de cristal”, pola absoluta transparencia,eran dun material inventado en 1935 polo químico norteamericano Wallace Carothers, que postas á venta en 1940, revolucionaron a moda da época no mundo: eran todo un símbolo de modernidade…. E as mulleres debecían por vestilas.
Os valores humanos, nos que a solidaridade e mútua axuda, a camaradería, en tempos de tanta penuria, foron moeda cotiá. Había anos que Laredo tiña dedicada unha rúa a Foz; no 2003 Chemari Neira, presidente da Confraría, finado prematuramente, suxiríu á alcaldía corresponder co aquela vila: así naceo o “Paseo de Laredo” que atravesa o areal da “Rapadoira”… e constitue todo un símbolo de homenaxe dos focegos ó pobo irmán de Laredo.