Mondoñedo, 29 de maio de 2017.- A voceira do equipo de Goberno de Mondoñedo, Ángeles Rodríguez Rico, pídelle á voceira do PSOE, Esperanza González, “máis traballo pola veciñanza e menos crítica infundada”. Desde o Goberno municipal censuran que a socialista busque derivar a atención polo lío que teñen no seu partido “cando o prioritario é traballar e facer achegas en positivo”.
A voceira considera que os erros e lapsus da socialista no último Pleno son froito de ser unha mindoniense “de fin de semana e a entender a política como un instrumento para acadar o seu posto de traballo na Deputación de Lugo e non para traballar polos veciños e veciñas de Mondoñedo”. “Fáltanlle ganas, fáltalle traballo e sóbralle mala intención para cargar desprestixiar ao equipo de Goberno”, lamenta Ángeles Rodríguez Rico.
Así, o Goberno municipal lamenta que a súa única preocupación sexa insultar á alcaldesa e non achegar ningunha proposta de interese para mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas. “Mondoñedo necesita de todos e por iso a convidamos sempre a traballar por Mondoñedo e abandonar a súa estratexia de medias verdades ou mentiras que conta”, engade.
Os problemas do PSOE impídenlle traballar por Mondoñedo
A voceira do Goberno municipal atribúe estes erros e saídas de ton da socialista á preocupación que vive na Deputación polos problemas que atravesa o PSOE. “Sentimos que non lle quede tempo para sumarse ao noso proxecto que non é outro que traballar para que os turistas veñan a Mondoñedo e conseguir investimentos para mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas, que foi para o que nos elixiron”. “Un traballo que, engade, sería máis doado se non houbera que pagar as súas débedas”.
Preguntas fóra de prazo
En canto ás criticas sobre a actitude ditatorial da rexedora, a voceira do Goberno municipal refréscalle a memoria á socialista e recórdalle a transcrición a man das alegacións do PXOM cando o PP estaba na oposición. Explícanlle a Esperanza González que se non se lle responde ás preguntas é porque as rexistra fóra de prazo, a escasas horas do Pleno, o que responde a unha acusada falta de traballo. “Debera ser precisa no que di atendendo ao posto que ocupa na Corporación e recoñecer que cando mete unha pregunta fóra de prazo, a maior parte das veces, sempre se lle responden no seguinte Pleno”.
Por último, desde o Goberno local recórdanlle que dar cifras equivocadas ou manipuladas pode ser obxecto de inxurias e calumnias, polo que lle piden rigor e seriedade na súa labor como partido da oposición.