Site icon Crónica3.com A Mariña

Nava Castro destaca a importancia de Periodipesca na proxección de Galicia como destino no XXV Aniversario do seu congreso celebrado en Mondoñedo

periodipesca 1Mondoñedo (Lugo), 1 de maio de 2017.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou hoxe no acto de clausura do XXV Congreso Periodipesca celebrado en Mondoñedo a importancia da difusión das potencialidades e dos recursos máis distintivos de Galicia afirmando que resulta “fundamental para a proxección do destino”.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta resaltou a contribución do Club Periodipesca na posta en marcha de iniciativas formativas dirixidas á comunicación especializada, a cal afirmou “resulta de gran relevancia, tanto para o afondamento no coñecemento do sector coma pola súa contribución á sostibilidade ambiental e á posta en valor do destino Galicia”.

“Iniciativas como este encontro de Periodipesca axudan, non só a transmitir o saber sobre a posta en valor dun territorio como destino turístico, senón tamén a descubrir novas potencialidades e incentivar a creatividade na posta en marcha de novas iniciativas que redundan no desenvolvemento dun territorio”, explicou.

Destino sustentable

Así mesmo, Nava Castro destacou a importancia da preservación ambiental, territorial, paisaxística e patrimonial como elemento distintivo e como factor de diferenciación dun destino, para facelo forte e competitivo no mercado global.

“Hai que ser conscientes de que o destino turístico de calidade só será posible cunha xestión sustentable do territorio turístico”, afirmou a responsable de Turismo da Xunta.

Nava Castro sinalou que o turismo é unha das industrias máis limpas na que ten que existir unha conciliación entre o que significa aproveitar turísticamente un territorio e preservar o medio deste.

A directora de Turismo de Galicia concluíu afirmando que a través da accesibilidade, a sensibilización, a promoción, atendendo a capacidade de carga dos espazos, e a integración de criterios sustentables, lograremos entre todos consolidar Galicia como modelo europeo de turismo sustentable.

Exit mobile version