Lugo, 28 de maio de 2017. O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez, participaron na Copa Deputación Trofeo Fernando F. Allende, que tivo lugar este domingo no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo e no pavillón anexo, e que reuniu a 500 nenos e nenas de entre 7 e 14 anos de preto de 50 equipos de toda a provincia.
Rivera Capón, Méndez López e Fernández Méndez entregaron os trofeos aos vencedores da competición, que congregou por primeira vez na tempada a todos os equipos da provincia de categoría infantil, alevín e benxamín. Ademais, como novidade nesta edición, incluíuse a categoría de babybasket.
O Goberno da Deputación, Concello de Lugo e Club de Baloncesto Ensino, organizaron este evento deportivo, totalmente gratuíto, para potenciar o baloncesto feminino, a igualdade de xénero e o deporte base. O Executivo Provincial é o principal patrocinador desta cita deportiva cunha achega de 12.000 euros. Con esta axuda, asumiu os gastos de transporte dos equipos, ademais de ofrecer un pícnic e unhas camisetas aos participantes.
Homenaxe
A competición rendeu homenaxe a Fernando Fernández Allende, un dos pioneiros do baloncesto feminino na provincia de Lugo e promotor deste deporte entre os mozos lucenses. Ademais de ser adestrador de baloncesto, foi profesor na Facultade de Ciencias da Educación Física de A Coruña e un dos fundadores do CB Ensino.
O evento reuniu a 10 equipos de categoría babybasket mixto, 11 equipos de categoría benxamín mixto, 7 equipos de categoría alevín feminino, 8 equipos de categoría alevín masculino ou mixto, 5 equipos de categoría infantil feminino e 7 equipos de categoría infantil masculino.