O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, salientou: “no día de hoxe toca agradecer a Portos de Galicia os últimos investimentos que fixo no noso concello e ademais que quedaran rematadas esas obras antes da Semana Santa”.
O rexedor municipal explicou que “as obras feitas no paseo de Laredo consistiron no cambio de báculos e luminarias en todas as farolas deste paseo, que é un punto turístico importante na Rapadoira moi frecuentado polos focenses e pola xente que nos visita. Foi un investimento de arredor de 13.000 euros en eficiencia enerxética, que permitiu cambiar tamén uns báculos que estaban xa moi gastados e darlle luz a todas as farolas do paseo porque funcionaban unha si e outra non. Agora esas lámpadas de baixo consumo permiten que todos os báculos teñan luz. Xa poden velo os veciños de Foz dende hai dous días que leva acendida”.
Javier Castiñeira engadiu que “se fixo un investimento tamén importante nos viarios do porto, concretamente nun dos accesos ao porto dende a rúa Concello de Barreiros, xusto nas explanadas do porto de Foz, concretamente a carón da piscina municipal, da aula de tráfico e tamén o acceso á nova piragüera que se está a construír nas instalacións portuarias. Foron 42.000 euros para asfaltado, moi importante porque é un viario moi transitado e non estaba en bo estado”.
O alcalde comentou tamén que “aínda que estas obras non son directas para a pesca ou para a náutica recreativa son moi importantes porque fomentan o comercio e o turismo e polo tanto eran obras moi demandadas no noso concello”.
Castiñeira insistiu “no agradecemento tanto polo investimento como pola previsión de facelo antes da Semana Santa. Moitas grazas a Portos de Galicia por seguir contando con Foz e por estes investimentos realizados nos últimos días no concello”.
Ademais o rexedor anunciou que “en próximas datas teremos tamén moi boas novas con referencia ao dragado da dársena, posto que agora os permisos están todos concedidos e pasamos xa á preparación da licitación e dos pregos”.