Campos Conde avanzou que o Goberno da Deputación pon a disposición do Concello de Riotorto 20.000 euros para a Feira do Ferro. Trátase da mesma cantidade que xa achegou o ano pasado, convertendo a Deputación ese ano na institución pública que máis invistiu nesta cita. A cantidade que facilita para este ano forma parte dos 224.132 euros que o Executivo Provincial leva ao municipio de Riotorto, a través do Plan Único.
O Goberno da Deputación colabora ademais a través da Fundación TIC, que realizará unha reportaxe promocional da feira que difundirá a través das redes sociais. Tamén levará a cabo un documental coas testemuñas dos 12 ferreiros da Asociación, que complementará con documentación gráfica. Este traballo servirá para relatar o pasado, pero sobre todo para explicar e divulgar o presente da centenaria tradición do ferro no Concello de Riotorto.
O Presidente remarcou que o organismo provincial “aposta por impulsar as potencialidades e singularidades de cada Comarca luguesa, que fan que a nosa provincia sexa única, para xerar riqueza. O traballo dos ferreiros é, sen dúbida algunha, unha das maiores potencialidades e singularidades da Mariña Oriental, que temos que pór en valor para que máis xente nos descubra. E podémolo facer coa organización de actividades como a undécima edición da feira que hoxe presentamos, unha cita xa consolidada grazas á imprescindible implicación dos propios ferreiros. Noraboa polo voso traballo”.
Homenaxe ao ferreiro Faustino Iglesias
A apertura da XI edición da Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto comezará o 16 de abril, ás 11:00 horas. Participarán 25 ferreiros dos municipios de Riotorto, Santiago de Compostela, O Corgo, Os Oscos, Fonsagrada e Navarra. O ferreiro que será homenaxeado este nova edición será Faustino Iglesias, falecido recentemente. O recinto feiral con carpa estará situado ao carón dos colexios, no que poderá degustarse polbo, ademais de comida tradicional da Comarca.
Programación
Tras a apertura da Feira, a partir das 11:00 da mañá, haberá demostracións de oficios, como pirogravado, obradoiro de ferro infantil ou torneado de madeira. Ás 12:15 será a inauguración oficial da Feira coa lectura do pregón, que este ano correrá a cargo do xornalista lucense de TVE, Orestes Currás Ordóñez. Máis tarde, haberá novas demostracións en vivo da artesanía do ferro, con ferreiros de Riotorto, da Fonsagrada, Antonio do Corgo, o ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl, Alberto Leis e Forxa Chago de Santiago de Compostela, e ferreiros do Centro de Interpretación de la Forja de Navarra. A música correrá a cargos dos gaiteiros de Riotorto que amenizarán as rúas da vila, xunto coa charanga Mekanika. Esta edición tamén contará coa animación itinerante do actor Pepe Penabade, e para os máis pequenos o show de Willy Pompa, no atrio da igrexa.
Tradición dos ferreiros de Riotorto
A Feira da Artesanía do Ferro xurde no ano 2007 como unha iniciativa da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto. O obxectivo desta asociación é darlle pulo e recoñecemento ao oficio do ferro en Riotorto, xa que a vila conta cunha longa tradición de familias de ferreiros. En Riotorto consérvanse dous mazos: o de Bastián en Espasande de Baixo e o da Fraga en Ferreiravella. Estes mazos, xunto con moas, muíños, centrais, etc… constitúen o centro ferreiro máis importante do Norte da Península, sumando un total de 46 artiluxios situados no curso do río de Ferreiravella, entre a parroquia deste nome e a de Espasande de Baixo: os dous mazos xa citados, 5 muíños, unha central hidráulica e 38 moas hidráulicas.