Lugo, 13 de abril de 2017. A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, xunto ao Alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, á Tenente de Alcalde do Concello de Rábade, Mª José de Arriba Redondo, e o Concelleiro de Deportes, Alejando Martínez Campos, mantiveron este xoves un encontro con produtores para coñecer as variedades de cervexa artesá que, durante os días de celebración do Máster Nacional de Futbolín, se comercializarán en dito Concello, aproveitando a afluencia de visitantes.
Trátase da primeira das accións incluída dentro do proxecto provincial Tirando do Carro, un proxecto que conta coa colaboración do Grupo El Progreso, e que ten como obxectivo promover o traballo dos produtores autóctonos da provincia.
A Deputada avanzou “aproveitamos o excelente escenario que supón o Campionato Nacional de Futbolín de Rábade, polo gran número persoas que logra reunir, para pór en marcha o Tirando do Carro. Nesta ocasión, para promocionar e dar a coñecer as marcas de cervexas artesanais da provincia, así como outros produtos elaborados elaborados por FADEMUR”.
Cervexa artesá lucense
Durante a fin de semana, poranse á venda 1.800 litros desta cervexa artesá na carpa situada no Campo da Feira e en 14 establecementos hostaleiros de Rábade, que se suman a esta iniciativa. O prezo da caña será de 2 euros e do botellín de 2,50 euros.
As marcas que se poderán desfrutar son: Toupiña; Aguas Santas (Foz), Domenicus (Lugo), A Cova da Serpe (Lugo), Píntega (A Fonsagrada); Bubela (Lugo); e os establecementos: Cafetería Los Arcos, Cafetería Beethoven, Cafetería Brétema, Cervecería Coyote, Café Bar Cruz, Burger, Cafetería Papyrus, Bar Centro, Cervecería Ágora, Café Bar A Cantina, Cafetería Mozart, Bar A Feira, Café Bar Os Castro e Restaurante Coto Real.
Durante a cita, tamén se promoverá o traballo das mulleres de FADEMUR, que porán á venda pan dos establecementos Panadería Guillermo e Panadería Covas, e produtos cárnicos como chourizo, lomo ou salchichón.