Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo xa puxo en marcha o programa de visitas ás prantas depuradoras de Cervo e San Cibrao

070417 visita depuradoraCervo, 07 de abril de 2017.- O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, vén de poñer en marcha o programa de visitas guiadas ás prantas depuradoras principais do municipio, a de Cervo, que é ecolóxica e que emprega un sistema innovador de plantas macrofitas; e a de San Ciprián, de tratamentos físicos e químicos que é de última xeración, posta en funcionamento no 2015.
Deste xeito, os alumnos do ciclo superior de Química Industrial do IES Marqués de Sargadelos, acompañados polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, ademais de técnicos medio ambientais do Concello e docentes do propio centro, estiveron coñecendo esta mañá as dúas instalacións.

Villares explicoulles que este programa “é unha iniciativa que forma parte da estratexia ambiental que impulsamos dende o Concello e coa que pretendemos dous obxectivos fundamentalmente: Por unha banda, concienciar sobre o respecto medio ambiental, e por outra, brindar á comunidade educativa unha ferramenta que reforce a formación que se imparte nas clases nesta materia.

Cremos que ver in situ toda a maquinaria de depuración, os residuos que xeramos nos nosos fogares, e o esforzo que require o seu tratamento, axuda a fomentar a concienciación”.

E no voso caso, -engadiu- “dado a disciplina na que vos estades a formar agardamos que esta visita vos sexa moi útil tamén como complemento práctico aos vosos estudos”.

Estas visitas guiadas forman parte dunha estratexia ambiental que foi deseñada dende a delegación de medio ambiente do Concello, que veu ligada en boa parte á inclusión de Cervo na Rede de Gobernos Locais +biodiversidade da que Cervo forma parte dende finais de 2016.

Unha sección da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) encamiñada á promoción de políticas locais para o uso sostible dos nosos recursos naturais, á preservación do patrimonio natural e ao fomento do desenvolvemento rural, baixo criterios de sostenibilidade.

Segundo sinalou o rexedor, estas visitas son un dos eixos principais sobre os que se asenta o programa, no que tamén prestamos especial atención á reforestación con especies autóctonas produtivas ou á loita contra especies exótica invasoras, como a unlla de gato ou os chamados plumeiros da pampa, que temos localizados nalgunhas zonas do municipio. E tamén, con carácter periodico entregamos aos veciños que así solicitan composteiros de balde, para fomentar a autoxestión de residuos orgánicos, e xa son máis de 170 as familias que contan cun a día de hoxe.

Villares destacou que este programa está aberto a toda a comunidade educativa do noso Concello.

Exit mobile version