Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela estuda investir os 335.000 euros do plan único da Deputación en melloras de servizos e infraestruturas

Burela, 7 de abril de 2017. O Concello estuda en qué investirá a partida de 335.000 euros do Plan Único da Deputación Provincial de Lugo. O alcalde, Alfredo Llano, contou que farán obras de mellora dos servizos e das infraestruturas do municipio.

O rexedor anunciou que “este ano 2017 temos unha contía a través do Plan Único provincial duns 335.000 euros. Estamos mirando xa en qué se van investir, dando mellor servizo a través de melloras nas canalizacións pluviais e residuais, imos seguir co arranxo das beirarrúas, asfaltando, eliminando barreiras arquitectónicas e mellorando os parques e prazas públicas”.

Alfredo Llano declarou que “imos tratar de seguir mellorando en todos os aspectos no concello de Burela, de acordo tamén coas demandas que temos dos veciños e alí onde se vexa que é necesario actuar. Imos incluír tamén o POS, que antes era independente pero que este ano vai no Plan Único”.

O alcalde de Burela manifestou que “agora estamos tamén co proceso de selección para cubrir seis prazas, e imos intentar ampliar ese número para este ano, e tratar de que cheguen a dez para sacar do paro a dez persoas a través do proxecto DepuEmprego”.

Llano engadiu que “tamén imos ter cartos para actividades deportivas, culturais e temas relacionados co turismo. Con este diñeiro que agora mesmo estamos pensando en qué imos utilizar, penso que van ser moi bos para o conxunto dos veciños de Burela e ao mesmo tempo imos darlle vantaxe para a xente que viva no noso concello”.

Exit mobile version