Site icon Crónica3.com A Mariña

Cristina Basanta e Lucía Vila. Labirinto emocional

A Mariña 12-4-17. As artistas mariñás Lucía Vila e Cristina Basanta, despois de participar na mostra interdisciplinar Raíces que se desenvolveu no Museo Pazo de Tor da Rede Museística Provincial de Lugo, deciden continuar explorando conxuntamente tomando a unión como raíz.

Este traballo colectivo cristalizou dentro do proxecto Nós+outrxs en rede, presente agora mesmo nos catro museos da Rede Museística da Deputación Provincial de Lugo e que se pode visitar ata o 30 de abril. Nel participan xunto con outrxs artistas (Elvira Fente, Violeta Bernardo, Carmen Porteiro, Julio Leira, Kristopher (Kris) Dios Barreiro e Laura Varela) como produto das súas reflexións arredor das problemáticas de xéneros con distintas linguaxes e puntos de vista.

A obra destas dúas creadoras é un tríptico común, un punto de unión. O meu, o teu, o noso, unidas son máis, son comezo, son nó e son desenlace. Deste xeito tamén forman parte da exposición Ser visibles: escoitar imaxes, retratar palabras da que se pode gozar ata o 30 de abril no CENIMA de Foz.

Lucía Vila e Cristina Basanta seguirán tecendo redes e establecerán un diálogo cos membros da Asociación de axuda ao enfermo mental A Mariña cos que realizarán o obradoiro Labirinto emocional este sábado, 15 de abril ás 18 h, no Museo Provincial do Mar (San Cibrao) da Rede Museística Provincial. Nel crearán, imaxinarán ese labirinto emocional que levamos enraizado, creando un espazo conxunto onde compartir as emocións plasticamente.

Exit mobile version