Site icon Crónica3.com A Mariña

Os actos da Semana Santa de San Martiño, que será pregoada polo bispo de Mondoñedo-Ferrol o 8 de abril, desenvolveranse ata día 16 dese mes

300317 PRESENTACIÓN SEMANA SANTA SAN MARTIÑO (2)Foz, 30 de marzo de 2017. Os actos incluídos na programación da Semana Santa de San Martiño, que será pregoada polo bispo de Mondoñedo-Ferrol o 8 de abril, desenvolveranse ata o día 16 dese mes. A programación foi presentada na Casa da Cultura Poeta Manuel María, de Foz, por membros da directiva da Confraría do Desencravo, presidida por Silvia Blach Cuesta, que ademais é concelleira de Cultura e irmá maior desa confraría. No acto participou tamén o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira.

Silvia Blach explicou: “a Confraría do Desencravo de San Martiño de Mondoñedo xunto co alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, fixemos a presentación da programación da Semana Santa deste ano e á súa vez a Semana da Música Xosé Alonso, que xa vai na súa décimo cuarta edición e coa que colabora o Concello de Foz na súa realización xunto coa Confraría do Desencravo. Na programación da Semana Santa deste ano destacamos ao noso pregoeiro, que é o bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol, Monseñor Luis Ángel de las Heras Berzal. Salientamos tamén, por suposto, os actos en xeral e temos o Mércores de Tebras, que vai ser por segundo ano consecutivo na igrexa de San Xoán de Vilaronte a partir das nove da noite. Tamén os actos do Xoves Santo, a partir das seis da tarde coa Misa da Cea do Señor co acto do lavatorio. E o Venres Santo pola mañá teremos o Vía Crucis e pola tarde a procesión polo vello barrio do Caritel, arredor da basílica”.

En cando á Semana da Música, Blach destacou “as actuacións de varios grupos xa coñecidos na Semana Santa de San Martiño, como pode ser a Coral Polifónica de Foz o día do pregón, o 8 de abril, ás oito e media da tarde. O día 9 de abril, o Domingo de Ramos, imos ter ao coro Consonante. O mércores de Tebras, o 12 de abril, haberá un concerto coa participación de Felipe Sánchez e África Rodríguez abrindo o acto de Tebras. O día 14 de abril, Venres Santo, teremos ao coro parroquial de Foz e a compoñentes da Escola Municipal de Música de Foz acompañando á procesión. O 15 de abril, Sábado Santo, haberá un concerto de Hotel Venecia, e o día 16 de abril, Domingo de Pascua, teremos ao grupo A.C. Brigantia, co que será clausurada a XIV Semana da Música Xosé Alonso”.

O alcalde salientou “a alta participación de veciños nestes actos que rodean á antiga catedral da sede mindoniense e que son parte da tradición da Semana Santa ademais dun grande atractivo turístico para o noso pobo. Devoción e música golpean ano tras ano os muros da catedral conservada máis antiga do sur de Europa, que o sábado 8 de abril contará coa presenza do bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Don Luís Ángel de las Heras Berzal, que lerá o pregón co que comezan os actos desta semana de paixón”.

Exit mobile version