Ribadeo, 30 de marzo de 2017. O grupo municipal do Partido Popular en Ribadeo presentou hoxe unha moción para que o Concello inicie as obras de saneamento na zona rural. O portavoz dos populares, Jesús López Penabad, sinala que estes traballos poderían comezar polo barrio de San Xulián, na parroquia de Vilaframil, atendendo así a demanda neste sentido dende hai tempo dos veciños dese lugar.
López Penabad anunciou que “o Partido Popular ven de presentar esta mesma mañá unha moción para empezar dunha vez por todas unha tarefa moi necesaria en Ribadeo, en concreto no rural, que é o saneamento. En Ribadeo practicamente todo o rural está sen saneamento; hai algún punto no que si o teñen pero na inmensa maioría hai un grave problema con isto. Nosoutros levabámolo no programa electoral e o Bloque tamén para acurtar esa brecha que existe entre os servizos que hai no casco de Ribadeo e o rural”.
Jesús López explicou que “hai unha serie de veciños en San Julián, en Villaframil, que están moi afectados por este tema, levan moitos anos padecéndoo, teñen fosas sépticas pero algunhas veces hai vertidos, polos que tiveron sancións. Puxéronse en contacto primeiro cos gobernantes do Concello, que lles dixeron que non tiña fondos e que se amañaran, posto que eles non podían facer absolutamente nada. Despois puxéronse en contacto con nosoutros e tivemos unha serie de conversacións. Cremos que é necesario empezar este tipo de obras”.
O portavoz popular engadiu: “sabemos que son obras cun presuposto grande e que en Ribadeo, como está, non se pode facer todo dunha vez, pero si hai que empezar e decidímonos a presentar a moción para comezar por aquí en primeiro lugar porque os veciños demándano e ademais teñen moi cerca a condución que pasa por debaixo da vía do tren, obra que fixera precisamente a Xunta de Galicia cando era conselleiro de Medio Ambiente José Manuel Barreiro e que vai desde A Rochela ata a depuradora de Vilaselán cunha subestación de bombeo que hai en Rinlo. Teñen cerca esa liña e sería abaratar custes e solucionar un problema que no 2017, en pleno século XXI, teñen os nosos veciños, en concreto os de San Julián”.
López Penabad comentou tamén que presentaron a moción “instando ao Concello a que faga os trámites pertinentes para empezar esta obra ( licencias, proxectos e demais) e á vez para pedir a colaboración doutras administracións, como pode ser a Xunta de Galicia, para financiar esta obra. Xa sei que estamos na oposición, pero queremos solucionar os problemas dos veciños e aí nos atoparán sempre. Esta é unha competencia totalmente municipal pero prestamos a nosa colaboración para poder solucionar este problema”.
O voceiro do PP en Ribadeo espera que “esta moción vaia na orde do día do seguinte pleno para debatela e empezar dunha vez por todas a solucionar un grave problema que ten o rural de Ribadeo e o municipio en xeral. Non se pode mirar para outro lado e seguir na inacción total. Hai que traballar algo, xestionar e buscar para poder solucionar os problemas que existen en Ribadeo. O tema de saneamento é grave e ademais está presente practicamente en todo o rural de Ribadeo, polo cal vai sendo hora de tomar cartas no asunto e empezar”.