Site icon Crónica3.com A Mariña

O hotel Nordés abre as súas portas aos escolares de Burela

CLUBIÑO_P1120893Burela 17-3-17. Dentro das actividades do novo “Clubiño” de Burela, o pasado venres 17 de marzo os alumnos das aulas Mica e Rato, de 4º de infantil do CEIP Virxe do Carme, visitaron as instalacións do Hotel Nordés para coñecer de primeira man como é o traballo que se leva a cabo no hotel e no seu restaurante.

A visita, que durou dúas horas, empezou aprendendo o funcionamento da recepción do hotel. Alí coñeceron aos personaxes do Clubiño: Roi, Rosalía, Alba e Mateo, e convertíronse en recepcionistas por un día, axudando a crear a chave dunha habitación.

A continuación visitaron a lavandería do hotel, na que lles chamou a atención o enorme tamaño de tódalas máquinas, sobre todo a secadora da roupa. Alí recolleron sábanas, toallas e amenities que subiron á súa habitación. Axudaron a facer a cama e deixaron a habitación lista para os seguintes hóspedes, con nota de benvida incluída.

No restaurante do Hotel Nordés convertíronse todos en camareiros e disfrutaron probando a súa habilidade para levar bandexas con vasos e pratos. Tamén aprenderon como se traballa na cociña do restaurante e recibiron os ingredientes para elaborar a súa propia merenda.

Na sala infantil do Clubiño realizaron a última actividade da xornada, e tamén a máis doce: ataviados cos gorros e delantais que despois levaron de regalo, elaboraron as súas propias brochetas de froitas e chocolate, das que deron boa conta antes de terminar a visita.

CLUBIÑO é un clube infantil creado polas empresas de Burela Hotel Nordés e BoasMigas para ofrecer aos seus clientes máis xoves (entre 3 e 12 anos) unha serie de ventaxas cando visiten os seus locais xunto coas súas familias. Á marxe destas promocións, ao longo do ano vanse programar diferentes actividades nas que os máis pequenos van ser os protagonistas, como nesta visita para coñecer o funcionamento interno do Hotel Nordés.

Exit mobile version