Cervo, 21 de marzo de 2017.- O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, organizou unha xornada de plantación de árbores autóctonas para conmemorar o Día Mundial dos Bosques e o Día da Árbore.
Durante a actividade, os nenos estiveron acompañados por docentes dos colexios, técnicos municipais, e tamén quixeron estar presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez.
En concreto, tal e como sinalou Méndez, “os alumnos de sexto de primaria dos dous colexios do municipio, desprazáronse esta mañá cara a un monte de propiedade municipal situado na zona da Venta, en Gondrás, onde plantaron cadanseu castiñeiro”
Nesta ocasión –engadiu Villares- “pensamos neste grupo de idade porque son os que van deixar o colexio a finais deste curso para continuar a súa formación no Instituto, e como recordo desta xornada e para incidir na importancia da concienciación fotografiáronse co castiñeiro que plantaron e, posteriormente, entregarémoslles a instantánea, co obxectivo de que poidan tamén facer un seguemento didáctico do crecemento desas árbores”.
Durante a actividade, os técnicos de medio ambiente do Concello ofreceron aos participantes unha clase teórico-práctica, co fin de implicalos en todo o proceso da plantación, na que adquiriron nocións básicas sobre a importancia da plantación autóctona e o coidado dos bosques.
O resto dos alumnos tamén realizaron hoxe actividades nos propios colexios. En concreto, o Concello de Cervo, programou un certame plástico no que cada neno participa cun debuxo relacionado con esta data. As mellores ilustracións resultarán premiadas.
Villares sinalou “que con estas actividades o que se pretende é concienciar ao alumnado da importancia de coidar e respectar o medio ambiente, e a través, da reforestación con árbores produtivas, autóctonas coas que conseguimos revitalizar os bosques, ao tempo que marcamos un camiño a seguir, porque no aproveitamento sustentable dos bosques os nosos veciños poden tamén atopar un modo de vida”.