Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo propoñerá no pleno deste venres, ás 20:00hrs, a aprobación dun acordo para instar a Deputación a mellora da rede viaria de titularidade provincial no Concello

Mondoñedo, 30 de marzo de 2017. Con esta moción o BNG local pretende que que a Deputación Provincial remate os traballos que veu realizando en anos anteriores de substituír o asfalto antigo por unha capa de aglomerado en quente na súa localidade.

Os nacionalistas explican que as estradas provinciais ao seu paso polo concello teñen un trazado moi sinuoso e con esta medida entenden que se “aumentaría a seguridade da circulación e reduciríanse os custes de mantemento das vías”.

O BNG tamén preguntará se o goberno municipal cumpriu os prazos legalmente establecidos no proceso de resolución do contrato que o concello tiña coa empresa encargada de realizar as obras de rehabilitación da Casa de Álvaro Cunqueiro. O Grupo Municipal ten dúbidas se o concello seguiu o procedemento axeitado a raíz das alegacións formuladas pola empresa afectada na que pide declarar nula a resolución de suspensión do contrato.

O voceiro do BNG, Eloi Cabanas, anuncia que volverá a pedir que se retire o escombro amoreado a carón da rúa Viñas da Veiga como consecuencia das obras realizadas no colexio público e formulará un rogo para que se respecte o sinal de aparcamento de curta estancia na rúa Alfonso VII, “ hai un tempo limitado de 20 minutos que non se respecta”, e apunta que non se cumpre a finalidade de facilitar a actividade de negocios da zona e a de facer xestións no concello, razón coa que foi creado.

Exit mobile version