Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Lourenzá afirma que o orzamento municipal deste ano, aprobado en pleno onte, é realista, equilibrado e sostible

Lourenzá, 17 de marzo de 2017. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, afirma que o orzamento do Concello para este ano 2017, que foi aprobado nun pleno da corporación municipal celebrado onte, xoves, é realista, equilibrado e sostible. Ascende a 2.125.000 euros.

A rexedora explicou que “os presupostos foron aprobados no pleno de onte cos votos a favor dos concelleiros do equipo de goberno mentres que os do Partido Popular pronunciáronse en contra e o BNG abstívose. Son uns orzamentos realistas, equilibrados e sostibles. Son uns presupostos o máis adaptados posible ás necesidades reais dos veciños e veciñas de Lourenzá. Tentamos incluír neles todas aquelas obras e actuacións que os nosos veciños nos foron demandando ó longo do ano e que consideramos prioritarias. Definiríao por tanto como un orzamento moi equilibrado, que responde de xeito moi rigoroso ás necesidades reais de Lourenzá”.

Rocío López salientou que “entre as distintas partidas seguen primando os investimentos destinados ó arranxo de vías municipais, como a obra de aglomerado da estrada de Zapateiro a San Adriano ou as partidas do POS e do Plan Marco, tamén para mellora de estradas. Ademais inclúese unha partida para a construción e instalación de marquesiñas en paradas de autobús de todas as parroquias onde foron demandadas. Entre outros proxectos tamén están seguir acondicionando as instalacións do pavillón municipal e a construción dunha cuberta para as escaleiras que dan acceso ó colexio público Juan Rey”.

Exit mobile version