Sonsoles López coñeceu de primeira man a situación, problemas e necesidades dos colectivos que actualmente traballan na protección de animais na provincia, co obxectivo de determinar os investimentos necesarios para que os Concellos lucenses conten con núcleos zoolóxicos de referencia. Ademais, amosou a súa vontade de elaborar un convenio marco que defina as relacións de traballo entre Concellos e colectivos, para mellorar a xestión deste tipo de centros.
A Deputada de Medio Ambiente tamén lles propuxo ás protectoras de animais o desenvolvemento de dúas campañas de sensibilización, unha para evitar o abandono e o movemento de cans por parte dos peregrinos que fan o Camiño de Santiago e outra que se desenvolvería nas principais vilas da provincia para concienciar sobre esta problemática social. As asociacións estiman que na provincia de Lugo se abandonan ao ano 5.000 cans, cuxa recollida e atención ten un custe de 300 euros por animal, incluída a castración, vacinación e instalación de microchips.
Outro dos temas que se abordou na reunión foron as distintas alternativas existentes para o control de colonias de gatos. Neste senso, Sonsoles López Izquierdo comprometeuse a estudar as propostas dos colectivos participantes, que avogaron pola aplicación do método CES (captura-esterilización-solta) e a instalación de casetas urbanas para acubillar os gatos abandonados.
Colectivos Participantes
Participaron na reunión coa Deputada de Medio Ambiente representantes dos seguintes colectivos: a Protectora de Animais de Xermade, a Asociación Protectora de Animais do Camiño (APACA), a Sociedade Protectora de Animais de Lugo, a Asociación Protectora do Valadouro-Alfoz, Bigotes Burela, Asociación Asistencial Protectora de Foz, Huellas de Sarria, AMARCAN de Monforte de Lemos e Coletiña de Cervo.