Lugo, 9 de febreiro de 2017.- Os Socialistas lucenses anuncian que rexistrarán unha moción en todos os Concellos da provincia coa que demandan ao Goberno de España a publicación urxente dun Real Decreto onde se regule a plantación da pataca nas zonas delimitadas pola praga da couza. Nesta moción tamén instan á Xunta de Galicia a dispor da partida orzamentaria suficiente para proceder ás oportunas indemnizacións que deriven da campaña oficial de erradicación, ademais de poñer en marcha un Plan de investigación científica a través dun convenio coa universidade e/ou centros de investigación que colaboren no desenvolvemento de medidas axeitadas para erradicar e controlar a praga da couza guatemalteca.
A maiores reclaman á Consellería de Medio Rural a establecer un Plan informativo sobre a praga, as medidas a tomar para o seu control e no seu caso, o plan de indemnizacións ós agricultores afectados.
Mediante Resolución do 2 de febreiro de 2017, publicada no DOG o luns 6 de febreiro amplíase a zona ós Concellos da Provincia de Lugo, quedando afectados: O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova.
Os socialistas lembran que a pataca é un dos produtos máis característicos da nosa comunidade, tanto pola cantidade coma pola calidade da mesma, tanto é así que existe o recoñecemento da Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Galicia”, que debido a esta praga corre un grave risco, xa que logo, de entre os Concellos afectados pola delimitación, moitos deles pertencen á subzona Terra Chá- A Mariña. Ademáis é de resaltar a gran cantidade de fogares que cultivan para o seu autoconsumo este produto así coma para a súa comercialización o que supón un dos factores económicos clave para o noso rural.
Iniciativas no Parlamento de Galicia
Por último lembran que o PSdeG-PSOE xa rexistrou diversas inciativas no Parlamento de Galicia para pedirlle á Xunta que explique “cales son as medidas e compensacións previstas” para os municipios galegos afectados polo veto ao cultivo da pataca debido á praga da couza. “Pedímoslle á Xunta que non eluda as súas responsabilidades, que esixa solucións e que poña as medidas necesarias para paliar o máximo posible os prexuízos” , conclúen.