O presidente de Apaga manifestou que “en principio nós estamos abertos a traer técnicos doutros países do que é o mundo do automóbil, pero tamén doutras áreas como fixemos a pasada fin de semana cun produtor francés de agricultura ecolóxica. Estamos centrados principalmente no tema do automóbil, hai un compoñente económico que non nos podemos pasar dentro das nosas posibilidades, pero si estamos dispostos a seguir nesta liña”.
Álvaro Doural salientou que “a nosa asociación é practicamente nacional, e está previsto que neste ano dous técnicos carroceiros de Italia estean en Murcia quince días e uns técnicos alemáns posiblemente veñan a Ribadeo. Agora están empezando a xurdirnos peticións de case todo España, hoxe pola mañá recibín unha chamada de Palencia, a semana pasada outra de Valencia, é dicir que continuamente están aparecendo novos socios, xente que se está incorporando doutras comunidades, e creo que hai que dar resposta a todo iso sen perder a nosa base e sen esquecer as nosas orixes, que é o noso país”.
O presidente de Apaga engadiu que “no mes de maio vai estar tamén un profesor de Estonia aquí facendo unha estancia formativa, vai haber un grupo de profesores de Turquia que van estar aquí este ano aproximadamente durante unha semana. Hai outro grupo de Croacia que tamén solicitou poder vir a estar aquí unha semana, á comarca da Mariña Están continuamente aparecendo cousas novas, ata cousas moi curiosas como por exemplo da Guayana francesa que é un país, unha colonia francesa xunto a Brasil, co que este ano establecemos relación tamén. Eles teñen programado tamén unha visita aquí á Mariña. Están saíndo continuamente cousas e o problema é poder atender todo iso porque iso require un traballo importante”.
Sobre as saídas formativas nas que tamén participa Apaga Álvaro Doural indicou que “imos inicialas agora en marzo, a primeira será a Francia. Este ano temos once saídas e a rede internacional cada vez se vai ampliar mais. Neste momento está en vinte países da Unión Europea. Cada ano vanse incorporando novos países e novos socios. Este ano incorpórase Macedonia e tamén Suecia. A idea é tentar que todo iso sexa un valor engadido para Galicia e para A Mariña, e niso estamos”.
Este traballo de internacionalización de Apaga incluíu esta pasada fin de semana a visita dun produtor ecolóxico de Francia Jean Pacheco quen estivo en diferentes puntos da Mariña e do Occidente asturiano. Álvaro Doural asegura que “marchou cunha impresión eu creo que moi positiva, moi a ter en conta pola xente da Mariña, que é o potencial que teñen determinadas zonas da Mariña para o desenvolvemento de actividades de agricultura ecolóxica ou doutro tipo. Nas reunións houbo bastante debate e a xente plantexaba cousas, o que si está claro é que hai moitas cousas que non son extra polables aquí porque París e París”.
Álvaro Doural cre que “nestas xornadas de traballo sacáronse cousas moi positivas. É outra cultura a nivel de consumidores que é o que marca a diferenza. Aquí hai cousas que son impensables neste momento, especialmente a colaboración que teñen os consumidores cos produtores, cousa que aquí non existe. Saber que ten unha parte pedagóxica e didáctica por parte do consumidor, a relación entre o empresario e o consumidor”.
O presidente de Apaga pensa que “aquí neste momento é o que está falto, que a xente coñeza verdadeiramente cómo se produce con todo este tipo de técnicas. Non se están aproveitando as oportunidades. O sector primario está moi desaproveitado, será tamén porque durante moito tempo levou moitos paus e nalgún aspecto segue a levalos e a xente está desanimada. Especialmente eu creo que todo o que é o traballo manual neste país ten un grande desprestixio e mentres iso non se supere é difícil saír adiante. Eu creo que verdadeiramente esa é a crise do país”.
Doural fixo un balance moi positivo da visita cursada por Jean Pacheco, que pasou por Tapia, Ribadeo, Mondoñedo e Lourenzá.