Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo deseña unha estraxia ambiental baseada na educación, a reforestación con árbores autóctonas e a loita contra as especies exóticas invasivas

Cervo, 7 de febrerio de 2017.- O alcalde de Cervo, trasladouse esta mañá a Madrid para participar nunha reunión da Comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que preside.

Entre os diferentes asuntos e propostas que se incluíron na orde do día, presentouse un informe sobre as actividades da Rede de Gobernos Locais + Diversidade, da que Cervo forma parte dende finais de 2016, convertíndose así no primeiro municipio de Lugo en adherirse a esta sección.

Dende Cervo, sinala Villares, “creemos que é de vital importancia traballar conxuntamente para velar polo medio ambiente e a súa conservación, por iso no seu día levamos a pleno a proposta de sumarnos a esta sección, encamiñada á promoción de políticas locais para o uso sostible dos recursos naturais, á preservación do patrimonio natural dos nosos municipios, así como ao fomento do desenvolvemento rural, sempre baixo criterios de sostenibilidade”.

Neste senso, a través da delegación de Medio Ambiente, no concello de Cervo “estamos a definir xa unha estratexia en materia ambiental, un compromiso que adquirimos ao adherirnos á Rede de Biodiversidade, que xirará sobre tres eixos: a reforestación de tódolos montes de propiedade municipal con árbores autóctonas, a educación e a loita contra as especies exóticas invasoras, como a uña de gato ou os chamados plumeros, que temos localizados en varias zonas do municipio”, engade o alcalde.

Neste senso, o Concello de Cervo leva traballando xa varios anos na reforestación dos montes de titularidade municipal, e tamén en colaboración coas diferentes asociacións de montes veciñais, plantando especies autóctonas, prestando especial atención a aquelas produtivas como os castiñeiros; pero ademais, na actualidade, estase a traballar na posta en marcha dun programa educativo co que se pretende divulgar entre os máis pequenos a mensaxe do respecto ambiental.

Asi, dende a delegación de Medio Ambiente, vanse a programar visitas as dúas depuradoras do municipio, para que os nenos coñezan o camiño que seguen as augas residuais que xeramos e o tratamento ao que se someten. Deste xeito, Villares recorda que “no Concello temos dúas prantas depuradoras totalmente diferentes, a ubicada en Cervo que fai un tratamento ecolóxico da auga a través de prantas macrofitas, e a de San Cibrao, unha depuradora de útlima xeración, de tratamentos físicos e químicos”.

Trátase polo tanto dun proxecto -apunta Villares- “no que queremos prestar especial atención á educación práctica en materia ambiental porque estamos convencidos de que é nas idades temperás cando mellor prende a concienciación, neste senso, entendemos que é fundamental formar pequenos que sexan no futuro adultos máis responsables, sensibles e comprometidos co medio”.

Dende Cervo, “felicitámonos por ternos adherido a esta Rede, e queremos compartir esta proveitosa experiencia con aqueles municipios que aínda non o fixeron”, deste xeito, -engade- “como alcalde e tamén como Presidente da Comisión de Medio Ambiente da FEMP, convido a tódolos Concellos a que se sumen a esta sección”.

Exit mobile version