Burela, 7 de febreiro de 2017. O Concello solicitará a Medio Rural que técnicos deste departamento informen aos veciños da localidade da praga de polilla guatemalteca que lle está a afectar á produción de pataca na comarca. O alcalde, Alfredo Llano, considera que os produtores teñen que recibir os mesmos datos que os ofrecidos aos rexedores municipais no encontro celebrado onte en Viveiro.
O rexedor declarou que “esta reunión ao final hai que traducila nunha cuestión preocupante sobre un tema que é o da polilla guatemalteca, que está a afectar en xeral as patacas. Houboa o ano pasado e este parece que se van tomar medidas máis drásticas para tratar de vencer esta polilla”.
Alfredo Llano dixo que “hai que ter en conta que en Burela non é que exista unha plantación de patacas masiva, senón que é máis ben de autoconsumo. Hai unha parte da poboación que segue plantando este tubérculo nalgunha zona como pode ser Vila do Medio ou Vilar, e incluso nalgunha horta que está máis no centro da nosa vila, e polo tanto canto máis información poida haber sobre isto moito mellor”.
Para o rexedor burelés “como é algo que preocupa xa non soamente aquí en Burela, senón que está a afectar a toda A Mariña, á zona de Ortegal e de Ferrol, e que se está a estender dun xeito preocupante, canto antes o atallemos moito mellor”.
Llano declarou que “para que a xente de Burela estea informada, imos solicitar o antes posible unha reunión. Igual que se nos explicou a nosoutros os alcaldes onte, que veña Medio Rural e explique aos posibles afectados porque estase agardando unha normativa que vai saír do propio Ministerio do goberno de España, para regular a plantación da semente”.
O alcalde de Burela engadiu que “vai saír nun mes, polo tanto antes de que salga hai que valorar as posibles consecuencias que pode traer, como pode ser evitar as plantacións ou facer barbecho durante dous anos. Aquilo que determine a desaparición desta polilla que soamente se alimenta da pataca, polo tanto é moi doado que se concrete unha saída como é non plantar durante dous anos, pero evidentemente vai afectar a aquela xente que tiña pensado plantar”.
Alfredo Llano anunciou que “imos concretar unha data de reunión con Medio Rural no noso concello. Trataremos de facelo aquí, ben no salón de plenos ou no de conferencias, xa concretaremos este dato, pero imos facelo o antes posible, a ver si puidera xa ser neste mes de febreiro, que é case cando corresponde a época de ir plantando algún horto por aquí”.
O rexedor asegurou que “é unha preocupación que temos. Parece que as collemos todas, a avespa velutina e agora a polilla guatemalteca. Todo isto nos está a afectar moi negativamente aos produtos naturais que tíñamos desde hai moito tempo sen ningún problema con eles. Ademais é algo que estimamos e é moi importante para a alimentación e para nosoutros”.