Alfoz, 08 de febreiro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, deu a coñecer que mañá, xoves día 9 de febreiro, está previsto o comezo das obras da rede de camiños secundarios na zona de restructuración parcelaria de Pereiro-Oiras, no concello lugués de Alfoz.
Segundo avanzou o delegado territorial, estes traballos permitirán a execución das infraestruturas secundarias de acceso as novas fincas de substitución, unhas actuacións encomendadas á empresa pública SEAGA e que teñen un prazo de execución de 12 meses, que pode variar en función das circunstancias climatolóxicas.
O orzamento total previsto para estes traballos é de 94.155,95 euros e desenvolverase nunha superficie de contratación de 349 hectáreas. Os beneficiarios son os 377 propietarios das parcelas concentradas, que verán mellorados os camiños que comunican as súas terras, ademais doutras obras complementarias como rozas, limpezas e perfilados de noiros. A concentración parcelaria de Pereiro-Oiras permitirá que un total de 2.395 parcelas se vexan reducidas a 669 fincas.
Jose Manuel Balseiro, destacou a importancia económica que supón a reorganización parcelaria. De feito, o delegado territorial insistiu en que “o obxectivo último da Xunta de Galicia radica en ofrecer aos propietarios a posibilidade de sacar maior rendibilidade aos terreos a través de novas explotacións, máis amplas, que eviten o abandono da terra e a racionalización da produción”.
Dáse a circunstancia de que neste mesmo concello, rematou na pasada lexislatura, o proceso de reorganización da propiedade de Val de Alfoz. Nesta ocasión supuxo a concentración de 7.746 parcelas pertencentes a 1.786 propietarios, iniciativa na que a Xunta investiu 4,9 millóns de euros. Recentemente o Goberno galego comprometeuse a dar un novo impulso ás concentracións parcelarias e diversificar así as oportunidades no rural.