Dende que o sistema mundo e todo o que o rodea -persoas, sentimentos, alimentación, filiación, saúde..- se converteu nun gran bazar todos nos engalanamos e buscamos o mellor escaparate para posicionarnos.
Todo o mundo sabe que as propiedades atribuíbles a algo ou a alguén son sempre apreciacións subxectivas, e que dependendo da habilidade do vendedor e da inxenuidade do comprador se pode facer un bo negocio. As coñecidas leis do mercado, a oferta e a demanda.
Por iso cando un era un rapaz –e incluso xa ben entrada a idade adulta- sempre existiu certa propensión a esaxerar e a falsear a realidade: un era guapo, rico e bo futbolista, e se alguén o poñía en tela de xuízo e simplemente unha mera cuestión de envexa.
Pasaron os anos e fomos aprendendo, por medio da lóxica da proba-erro, que, en puridade, nunca fumos tan bos como dicían as nosas avoas.
E algo parecido sucedeu coa alimentación, xa entrado o ano 2006 a Comisión Europea aprobaba o regulamento sobre nutrientes e, de súpeto, desapareceron dos estantes dos supermercados os alimentos naturais, ecolóxicos e biosaludables. Moitas das máis reputadas marcas de produtos alimentarios comezaron a retirar alimentos das baldas dos supermercados e a introducilos novamente, con outra denominación comercial.
O mesmo sucedeu cos denominados alimentos “light”, establecéndose mediante a citada normativa a obriga de utilizar tan só esa denominación para aqueles que tiveran un irmán maior que fora entre un 10 e un 30% máis calórico. Ata entón dita denominación non tiña porqué gardar ningún parecido coa realidade.
Durante os últimos once anos a lexislación española foi incorporando á súa normativa as directrices da Unión Europea en materia de publicidade enganosa ata o punto de que comecemos a chamarlle ó pan pan e ó viño viño.
Se a alimentación constitúe o ben de consumo de primeira necesidade por antonomasia, e sobre ela pende constantemente a ameaza de engano ou risco de fraude, a través dela podemos intuír o que sucede noutros sectores mercantilizados coma o das telecomunicacións, a enerxía, o bancario…
Mentiron cando nos dixeron que o iogur era grego, tarifaron por horas a nosa estancia no aparcadoiro, puxeron penalización por incumprimento de permanencia e dixeron que a nosa hipoteca a tipo variable deixaba de selo cando a eles lles viña ben.
Seguro que moitos de vostedes pensaran que todas estas circunstancias son puras cuestións de marketing, mais eu penso que son máis ben cuestións semánticas: o non chamarlle mentira ó falseamento da realidade e estafa ó engano.
A conclusión final é que ese espazo chamado Europa ven dende xa hai uns anos dicindo como debemos expresarnos, e nós seguimos a falar mal. Poida que exista a esperanza de optar a un futuro mellor, pero só poderemos chegar chamándolle ás cousas polo seu nome.