Site icon Crónica3.com A Mariña

Villares fixo entrega do carné de manipulador de fitosanitarios a 19 veciños do Concello

300116 Carnés fitosanitarioCervo, 30 de xaneiro de 2017.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, acompañado polo edil de Medio Rural, Plácido Pérez, e da presidenta da Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras, Inés Cobas, fixo entrega esta tarde dos carnés de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios a 19 veciños que realizaron o curso nos últimos meses.

Villares recorda que estas acreditacións son de carácter obrigado para todas aquelas persoas que usen produtos fitosanitarios na súa actividade, “un carné polo tanto necesario para moitos dos nosos veciños que traballan a diario na súa horta, e que, para dar cumprimento á normativa vixente, requiren desta credencial que hoxe lles entregamos”. Un curso que ademais –engade- “lles permitiu ampliar coñecementos sobre as pragas que afectan os seus cultivos e os tratamentos axeitados para combatelas”.

O acto tivo lugar na Escola de San Román, onde se impartiu este curso de nivel de capacitación básico, cunha duración de 25 horas presenciais, 3 delas de carácter práctico.

É o segundo curso destas características que se imparte en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras. Polo que en total xa son medio cento os veciños que obtiveron este título na Escola de San Román.

Villares subliña “que o Concello pon sempre tódolos seus medios a disposición dos veciños, como neste caso, o persoal ou as instalacións municipais, para facilitar a obtención deste carné indispensable”.

Exit mobile version