Mondoñedo (Lugo), 28 de xaneiro de 2017.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio comezará a vindeira semana as obras para mellorar a accesibilidade á Cova do Rei Cintolo, no municipio de Mondoñedo, proxecto ao que destina 76.690 euros.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, destacou a necesidade de acondicionar este espazo para garantir a seguridade dos visitantes, xa que actualmente o acceso realízase por un sendeiro estreito e de elevada pendente.
As obras, promovidas pola Dirección Xeral do Patrimonio Natural, teñen un prazo de execución de mes e medio.
O delegado explicou que os traballos consistirán no acondicionamento da entrada principal da cova, e comportan a construción dunha pasarela e un tramo de escaleiras. Previamente é preciso realizar labores de roza e eliminación do arborado existente, incluíndo a destrución dos tocóns.
Todo o conxunto será de madeira. A pasarela terá uns 195 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho; o acabado será en tarima anti-esbaradiza de 4,5 centímetros de espesor e estará provisto de varanda polos ambos lados.
No tramo inicial é preciso a construción dunha pequena ponte de 7 metros de luz para salvar un rego innominado afluente do río Masma.
Para salvar o desnivel existente no tramo final, onde coincide co acceso actual, é necesario tamén construír unhas escaleiras de madeira duns 20 metros de lonxitude e 1,5 metros de ancho e pisada de 30 centímetros.
Balseiro explicou que esta actuación servirá “para impulsar un dos recursos culturais, naturais e turísticos máis salientables do concello de Mondoñedo e da comarca da Mariña en xeral”.