Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo recibiu da Xunta de Galicia un equipo de excarcelación de última xeración

160117 ENTREGA EQUIPO DE EXCARCELACIÓN PARA O GES DE CERVO (2) Cervo, 16 de xaneiro de 2017. O Concello de Cervo, a través do seu delegado de Seguridade, José Ramón Soto, e o cabo de Protección Civil, Mario Antuña, achegáronse á Academia de Seguridade de Galicia, con sede na Estrada, para recibir da man de vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do director Xeral de Emerxencias e Interior do goberno autonómico, Luis Menor, un equipo de excarcelación de última xeración tecnolóxica valorado en 50.000 euros.
José Ramón Soto explicou que “o Concello de Cervo ten que agradecer á Xunta de Galicia esta importante doazón, que contribúe a fortalecer os servizos que o noso Concello aporta a unha gran parte da Mariña a través do GES. Este equipo está composto dunha bomba hidráulica, cizalla, un separador, corta pedais, 2 ram telescópicos, ferramentas multiusos eléctricas de corte, eslingas, tacos, cuñas e proteccións. Todo un conxunto de medios que, aínda que o ideal sería non ter que usalos, nos casos en que sexan necesarios potenciarán os servizos do GES de Cervo”.
O concelleiro de Seguridade rematou comentando que “por isto e outras moitas xestións que dende o equipo de goberno deste Concello se levan a cabo coa Xunta de Galicia e que, sen lugar a dúbidas, redundan no beneficio de todos os cervenses é a nosa obriga reiterar o noso máis sincero agradecemento”.

Exit mobile version