Ribadeo 31-1-17. O Comité Lila do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo condena de forma contundente o feminicidio producido o pasado domingo na localidade do Carballiño. Virginia Ferradás Varela é a primeira muller asasinada en Galicia no 2017 e a quinta no Estado español, pero antes ca elas foron moitas máis. Unha sociedade xusta, libre e igualitaria non pode aturar ningún crime e menos crimes deste tipo. Unha sociedade sa non pode consentir que maten mulleres polo simple feito de selo. Unha sociedade con valores non pode permitir que este sistema patriarcal siga alimentando homes que conciban un mundo no que as mulleres lles pertencen, mulleres que son obxecto das súas frustracións, mulleres que non poden ser donas do seu destino, mulleres que viven con medo.
O Comité Lila traballa desde o ámbito educativo na visibilización das mulleres, no fomento de novas masculinidades e na denuncia de todo tipo de violencias machistas. Foi precisamente o asasinato da nai de dous compañeiros nosos (Julio e Santiago) o feito que nos empurrou a comezar esta andaina. Sabemos que temos moito traballo por diante pero móvenos a seguridade de que unha escola coeducativa é hoxe máis necesaria ca nunca. No espazo lila do noso instituto colocamos hoxe luns un lazo negro co nome de Virginia e desde a nosa conta de instagram (comitelila) tamén mostramos o noso rexeitamento e o apoio á súa familia e amizades.