Madrid, 28 de novembro. O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha pregunta parlamentar dirixida ao Ministerio de Fomento para coñecer a concreción das obras que se van realizar nun tramo de 30 quilómetros na N-640.
O parlamentar de En Marea recolle na iniciativa as actuacións aprobadas por Seittsa para a construción e mellora de varias estradas, entre elas a N-640 ao seu paso por Lugo. Hai dous días publicábase no BOE esta actuación “Rehabilitación estrutural do firme na estrada N-640, pp.kk.61+700 ao 92+800, tramos viarios”.
Lembra Fernán Vello que “En Marea dirixiuse en anteriores iniciativas ao Ministerio para demandarlle a mellora de estradas estatais ao seu paso por A Mariña debido ao seu lamentábel estado, en relación á N-634, a N-642 e a N-640”.
O parlamentar de En Marea pón de relieve que “Lugo non só é deficitaria en materia de infraestruturas ferroviarias, sendo unha das grandes marxinadas do mapa de modernización ferroviaria, senón que tamén adoece de importantes carencias, deficiencias e problemas de seguridade vial nestas estradas”.
A N-640 ten varios puntos problemáticos
Miguel Anxo Fernán Vello salientaba que a N-640 é unha estrada de comunica Lugo con Terra Chá, A Mariña e Asturias, con graves problemas no seu firme. En concreto, destacaba o tramo que vai de Ribadeo a Lugo. Para o deputado de En Marea as actuacións que vai facer Fomento deberían estenderse a outros tramos da N-640 que presentan o mesmo problema, e considera que as obras deberían estenderse a todos os tramos prexudicados a fin de mellorar a seguridade vial nesta estrada.
“Dado que Seittsa deu luz verde a obras de mellora na N-640, teríanos gostado que se efectuasen en todos os puntos da estrada, non só nun tramo de 30 quilómetros”.
Outra dos puntos de interese do parlamentar é saber se Fomento inclúe nas súas actuacións a ampliación da ponte sobre o río Miño no núcleo urbano de Meira, “no seu momento o Ministerio indicou que o proxecto estaba xa redactado e pendente de supervisión e posterior licitación das obras.
O deputado de En Marea volta a demandar na súa iniciativa parlamentar que se emprenda un Plan de mellora das estradas estatais na Mariña de Lugo.