Daniel Ibañes mostrouse moi contento tras a contundente vitoria na 10ª xornada de liga o sábado pasado na casa do Gran Canaria FS (4-10). “Fomos sólidos en defensa e estivemos moi acertados en ataque; estou moi satisfeito co compromiso e a concentración amosados” aseguraba o técnico do Pescados Rubén Burela FS, que terá que volver verse as caras cos pupilos de Suso Méndez de novo o mércores, en cuartos de Copa do Rei (20.00 horas -horario local-, Centro Insular de Deportes de Gran Canaria).
“O sábado atopámonos cun equipo que apertou, cunha presión alta, ante a que respondemos con moito acerto ofensivo, coa motivación extra de que non gañara ningún equipo antes alí” lembraba Daniel Ibañes, esperando cambios na nova cita: “Non sei como será a súa formulación, pero creo que será un partido bastante diferente. Sen dúbida, nós sairemos mentalizados de que esta é unha oportunidade case única para o equipo de estar en semifinais de Copa do Rei; levamos catro partidos dando un paso adiante, estando máis tranquilos. Mantendo a concentración estaremos en semifinais” adiantaba con optimismo o técnico laranxa.
O equipo burelista, que xa comezou os adestramentos esta mañá, realizará a última sesión antes do partido mañá ás 12.00 horas (horario insular) sen ausencias na expedición que se desprazou ás Canarias o venres pasado: 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 12. Petry, 13. Álex, 18. J. Bellvert, 20. Miñano, 21. Cuco, 23. Antoñito.