Compromiso por Galicia non pode ocultar a súa fonda preocupación pola situación surrealista do AVE a Galicia e a tomadura de pelo que constitúe que despois de reiterados atrasos, o goberno do estado aínda valore a posibilidade de eliminar a variante de Ourense.
O Ministerio de Fomento aplica o centralismo máis rancio e discriminatorio. De nada serviu ter ministros e un presidente nacido en Galicia. De nada parece servir ter un goberno en minoría que prometeu diálogo. Estamos ante unha nova mostra da falta de sensibilidade co noso país, cun goberno galego cómodo, submiso e preguiceiro.
Seguimos perdendo tempo mentres en Sevilla levan tres décadas co AVE e o goberno centralista rescata autovías na capital do estado.
Todo investimento en materia ferroviaria está centrado nun AVE que non chega. Non temos cercanías, non se reforza a liña do eixo atlántico, non se comunican as cidades do interior e seguimos asistindo a representación dunha farsa.
A marxinación de Galicia é evidente, indistintamente que leve como apelido Blanco, Pastor ou de la Serna. Porque ninguén asume responsabilidades. Porque todos semellan ser cartas da mesma baralla.